180 técnicos participarán nas xornadas sobre a nova Lei de Contratación Pública

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Argelio Fernández Queipo, presentou hoxe as Xornadas sobre a nova Lei 9/2017 de contratos do sector público, que terán lugar o 19 e 20 de febreiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Os coloquios, que contarán coa asistencia de máis de 180 profesionais, están dirixidos a secretarios, interventores, tesoureiros e persoal ao servizo do sector público local. Nestes encontros realizarase unha análise dos cambios lexislativos que a Lei 9/2017 producirá nun futuro inmediato en materia de contratación pública.

Fernández Queipo destacou “dende o Goberno da Deputación traballamos para mellorar a eficiencia, transparencia e xestión na administración pública. Neste senso, levamos a cabo estas xornadas formativas sobre os cambios que se producirán na contratación pública coa entrada en vigor da nova lei no mes de marzo. As charlas contarán con tres poñentes de gran prestixio como son: Javier Tena Ruiz, Interventor Tesoureiro da Administración Local e Subdirector Xeneral de Coordinación da Contratación do Concello de Madrid; Elena Hernáez Salguero, Presidenta do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade de Madrid; e Patricia Valcárcel Fernández, Profesora Titular de Dereito Administrativo na Universidade de Vigo”.

Os obxectivos destas xornadas son, por unha banda, dar a coñecer os cambios na contratación pública con respecto aos principios de igualdade de trato, non discriminación, transparencia, proporcionalidade e integridade. E, por outra banda, preténdese realizar un retrato da paisaxe lexislativa marcada pola “Estratexia Europa 2020”, que persegue un crecemento económico intelixente, sostible e inclusivo que garanta un uso máis racional dos fondos públicos dentro dos Estados da Unión Europea.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com