800 nadadores competiran na III Heroica Gran Premio Deputación de Lugo

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentaron este mércores no embarcadoiro de Doade a terceira edición da proba deportiva A Heroica Gran Premio Deputación de Lugo – Regina Viarium. A cita terá lugar este sábado 4 de agosto, no entorno da Ribeira Sacra.

A proba enmárcase, ademais, na IV Copa de España de Augas Abertas da Real Federación Española de Natación. Na presentación tamén participou o representante de Championchipnorte, Javier Folgar Romay, o Presidente do Club de Natación Portamiñá, Fernando Timiraos Carrasco, e o Delegado da Real Federación Española de Natación, Patricio Sánchez Fernández, xunto a outras autoridades.

Vidal Baamonde explicou que “é unha actividade xa asentada no calendario lúdico deportivo da provincia. Unha cita que cada ano reúne a máis xente. Este ano espéranse 800 participantes que veñen de toda España e norte de Portugal, entre eles grandes deportistas recoñecidos como Pablo da Pena ou Gómez Noya. A día de hoxe xa hai 200 participantes máis inscritos que o ano pasado, o que da boa conta do crecemento desta cita. E con eles, familiares e espectadores que sumarán un total de 2.500 persoas na Ribeira Sacra, que terán a oportunidade de coñecer a paisaxe, gastronomía e os nosos viños, impulsando así o turismo e a economía da provincia, ao mesmo tempo que se fomenta o deporte, e con el unha vida saudable”.

Competicións

Durante a xornada do sábado disputaranse catro probas, finalizando todas elas no embarcadoiro de Doade. Os primeiros nadadores en competir, a partir das 15:30 horas, serán os inscritos na competición reina, o Gran Premio Deputación de Lugo, que deberán completar un percorrido de 10.000 metros. Para iso ás 14:00 horas embarcarán no catamarán para partir ás 14:30 horas cara o punto de saída a 10.000 metros do embarcadoiro, en Rabacallos. Tras a disputa desta proba terán lugar as demais competicións de 5.000 metros, 2.500 metros e a travesía popular para todas as idades de 600 metros que está pensada para todos aqueles afeccionados á natación que desexen ser partícipes dunha xornada deportiva no medio dun ambiente lúdico.

Horario

O venres 3 de agosto dende as 18:00 horas ata as 20:00 horas e o sábado 4 de agosto dende ás 11:00 horas atas as 14:00 horas no embarcadoiro de Doade, poderase recoller o chip, o gorro e camiseta da Heroica. Media hora antes da saída de cada proba, explicarase por megafonía o discorrer de cada distancia.

Os horarios de saída serán:

10. 000 metros, saída do catamarán ás 14:30 horas e saída desde a auga ás 15:30.

600 metros, saída ás 16:00 horas desde o embarcadoiro.

5.000 metros, saída ás 16:30 desde o embarcadoiro.

2.500 metros, saída ás 16:45 desde o embarcadoiro.

A organización poderá pechar a chegada de cada unha das probas transcorrido un tempo límite en cada distancia desde a chegada do grupo principal de nadadores. Nese caso, os nadadores serán recollidos pola organización e trasladados á meta.

600 metros: 20 minutos despois da chegada dos primeiros.

2. 500 metros: 30 minutos despois da chegada dos primeiros.

5. 000 metros: 1 hora despois da chegada dos primeiros.

10. 000 metros: 2 horas despois da chegada dos primeiros.

Ás 20:00 horas deberán de estar todos os nadadores fora da auga e será as 20:30 horas cando se fará a entrega de trofeos na Bodega Regina Viarium situada na vila de Doade.

Transporte e seguridade

A zona de aparcadoiro sitúase na vila de Doade con servizo de microbuses gratuíto para viaxar ata o embarcadoiro onde estará prohibido aparcar para evitar colapsos. Este ano a seguridade do evento correrá a cargo de 30 piragüistas que velarán polos nadadores, e tamén haberá 15 embarcacións a motor entre as que se encontran embarcacións de Protección Civil, outra do grupo de actividades Subacuáticas da Garda Civil, catamaráns en cola para uso sanitario e embarcacións rápidas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com