A Deputación advirte á Xunta que quedou sen escusa para a Hemodinámica 24 horas

O Voceiro do Goberno da Deputación e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, esixiu hoxe á Xunta de Galicia que “deixe de xogar coa saúde dos lucenses” e implante “dunha vez” o servizo de Hemodinámica as 24 horas para atender debidamente aos doentes da nosa provincia que sofren un infarto. “Levamos anos reclamándoo os lucenses e tamén o piden os maiores especialistas en Cardioloxía, como o doutor Juanatey, que saben da importancia de dar unha atención rápida aos doentes que sofren un infarto, a Xunta xa non ten escusa na que esconderse para non dar a atención necesaria aos lucenses”.

Álvaro Santos instou á Xunta a implantar dunha vez o servizo de Hemodinámica 24 horas, tal como leva anos reclamando a sociedade lucense, e a atender as recomendacións que fan os profesionais máis cualificados da especialidade sanitaria de Cardioloxía, como o Xefe do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o doutor José Ramón González Juanatey, quen destacou que a atención aos doentes de Lugo as 24 horas “é unha prioridade”.

Este importante especialista defendeu a necesidade de que a provincia de Lugo conte co servizo de Hematoloxía sen interrupcións e dixo que “o interese do doente ten que prevalecer” e “non pode haber diferencias en función do código postal”. O doutor Juanatey insistiu na importancia da atención aos doentes nas primeiras 24 horas logo de sufrir un infarto no XVIII Simposio Internacional de Cardiopatía Isquémica e Críticos Cardiovasculares, celebrado onte en Santiago de Compostela pola Sociedade Española de Cardioloxía, onde reclamou que a atención ao doente se debe “garantir tamén na fin de semana”.

Logo das rotundas declaracións que fixo o doutor Juanatey, o Voceiro do Goberno da Deputación e responsable de Relacións Institucionais emprazou á Xunta a actuar xa que “temos escoitado dicir aos responsables da Xunta de Galicia que só lle concederían Hemodinámica as 24 horas aos lucenses cando os técnicos o recomenden, pois agora xa non teñen escusa, as declaracións do doutor Juanatey son contundentes e clarificadoras”. Santos Ramos remarcou que “polo tanto esiximos á Xunta do PP que cumpran dunha vez cos lucenses, e que cumpran así tamén coa súa palabra, alomenos por unha vez, queremos que aos lucenses se nos atenda como recomendan todos os profesionais que son referentes da especialidade de Cardioloxía”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com