A Deputación axuda con 40.000 euros a rehabilitar un histórico edificio de Sarria

O Goberno da Deputación colabora na conservación do patrimonio histórico de Sarria con unha achega de 40.000 euros para axudar na rehabilitación da galería do emblemático edificio no que ten a súa sede a sociedade cultural e recreativa La Unión. O custe total do proxecto de recuperación da galería é duns 48.000 euros. O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, destacou que “este investimento que dedicamos á conservación do patrimonio de Sarria débese ao compromiso que temos no Goberno da Deputación coa provincia, pois queremos manter o que nos legaron os nosos maiores para que tamén o poidan disfrutar as futuras xeracións”.

Santos Ramos asinou hoxe co presidente da entidade, José Quiñoá, unha addenda ao convenio de colaboración para levar a cabo a rehabilitación da galería, que estaba moi deteriorada xa que nunca se arranxara desde a construción do inmoble, a finais do século XIX.

No acto tamén participou a Alcaldesa de Sarria, Pilar López. A addenda supón ampliar ata o mes de outubro o prazo de finalización das obras de recuperación da galería, que se fará con madeira de castaño e tamén inclúe a sustitución dos canalóns de recollida de auga para evitar o deterioro da nova balconada. Os traballos xa comezaron, unha vez concedidos os permisos do Concello e da Dirección Xeral de Patrimonio, e prevese que estean rematados no mes de xullo.

Álvaro Santos remarcou a importancia que ten para a provincia o mantemento da vitalidade do tecido asociativo e lembrou que La Unión é unha sociedade que ten moita tradición e con gran implantación en Sarria. Así, o Deputado de Relacións Institucionais destacou que moitas das actividades que se realizan na súa sede son abertas a toda a sociedade, pois nos seus locais celébranse cursos e actividades organizadas en colaboración con institucións como a Deputación ou o Concello.

José Quiñoá agradeceu a Deputación “todo o apoio que nos dá para levar a cabo estas obras tan importantes que levábamos anos querendo facer, que nos permiten consolidar o edificio, seguir mellorando os espazos para as actividades que aquí desenvolvemos e tamén axudar ao embelecemento do pobo de Sarria, do que formamos parte”.

A Alcaldesa destacou que “esta actuación da Deputación non só beneficia aos socios de La Unión senón á totalidade dos 13.500 sarriaos, xa que este edificio é un dos máis emblemáticos e fermosos que hai en Sarria e, ademais, La Unión caracterízase por non ser unha sociedade pechada senón aberta a todo o pobo e por aquí pasan moitos veciños que participan nas actividades que organiza o Concello, moitas das cales se celebran aquí”.

A colaboración da Deputación coa sociedade cultural e recreativa La Unión  inclúe a organización de actividades dos programas Musiqueando e Buxiganga ou o financiamento para a contratación dun traballador do Benempregado. Entre as actividades que se celebran na entidade figuran cursos de baile, canto, ximnasia, pilates, ioga e teatro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com