A Deputación mellora a estrada Momán-As Pontes con 654.000 euros

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, supervisaron hoxe as importantes melloras feitas pola Deputación na estrada LU-P- 2204 que comunica Momán e As Pontes de García Rodríguez. O Goberno provincial leva investidos máis de 654.000 euros en melloras nesta vía, da que xa van remodelados dous treitos de 4 kilómetros, atendendo ás demandas veciñais, tal como destacou Álvaro Santos.

Mentres, os veciños seguen a reclamar á Xunta as melloras comprometidas reiteradamente na estrada autonómica LU-170, por iso, “pedimos á Xunta que atenda as demandas que lle fan os veciños e que leve a cabo dunha vez as melloras tantas veces prometidas nesa estrada autonómica, esta é unha gran necesidade porque se trata dunha vía fundamental para comunicar esta zona coa Mariña e para dar acceso ao Polígono Industrial”.

“Sete anos despois, a Xunta segue sen reparar esta estrada, garantindo as comunicacións e a seguridade dos 200.000 usuarios da zona norte da provincia. O Goberno do PP comprometerase a arranxar a estrada en 2011 e mesmo publicou o proxecto no DOG, cun investimento previsto de 8,5 millóns de euros. Catro anos despois rebaixou o investimento a 1,8 millóns de euros para mellorar o tramo de Cabreiros ao polígono industrial de Xermade, unha execución que tampouco levou a cabo o que provocou concentracións e protestas veciñais”, recordou o Deputado de Relacións Institucionais.

Pola súa parte, o Alcalde de Xermade lembrou que “o arranxo da estrada autonómica LU-170 é unha antiga reivindicación dos veciños de Xermade, que a Xunta de Galicia prometeu en moitas ocasións e non dá feito nada, este é un auténtico incumprimento por parte do Goberno de Feijóo”. “Parécenos unha gran discriminación, temos un polígono industrial paralizado como consecuencia de que non se toman medidas para arranxar 9 kilómetros dunha estrada autonómica que nos comunica coa Mariña, é das que peor está de toda Galicia e a Xunta está a marxinar a moita poboación, por iso lembrámoslle ao Presidente da Xunta de Galicia que non está cumprindo co rural como prometera”, manifestou García Pernas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo