A Milagrosa comeza a súa peonalización o vindeiro luns

O vindeiro luns, 5 de novembro, o Concello iniciará os traballos de peonalización da Praza da Milagrosa, polo que se procederá ao corte do tráfido rodado pola mesma. En ningún momento se impedirá o acceso aos inmobles, entradas dos garaxes legalmente sinalizadas; nin locais comerciais. A entrada e saída dos garaxes realizarase a través da rúa Curros Enríquez.

A parada de taxis trasladarase ao comezo da rúa Milagrosa, na súa confluencia coa rúa Mallorca. As rúas Mallorca, Milagrosa (tramo comprendido entre a praza e a rúa Xulia Minguillón)  e Yáñez Rebolo, non sufrirán cambios no seu ordenamento, quedando a circulación nos sentidos actuais.

A empresa encargada de executar as obras colocará cartelería nas rúas e cruces próximos á praza para advertir do corte aos condutores e condutoras. Tamén dispoñerá en todo momento dos operarios señalistas necesarios para garantir a seguridade da circulación e orientar a veciños e condutores dos cortes e desvíos. Adaptaranse as frecuencias dos semáforos da Avenida da Coruña, Curros Enríquez e Valle Inclán á intensidade circulatoria de cada momento para minimizar os efectos no tráfico rodado.

En canto o servizo de transporte urbano, sufrirán modificacións os itinerarios das liñas 1 (Campus Universitario-A Piringalla) e 5 (A Campiña- Abella), afectadas pola peonalización da Praza da Milagrosa. Esta modificación levará a efecto o luns día 5 de novembro, data prevista para o corte do tráfico rodado na praza polo inicio das obras. Despois de valorar diversas opcións, o Concello deseñou un percorrido viable para a circulación dos distintos autobuses e ao mesmo tempo resultase próximo á praza da Milagrosa, coa intención de manter o servizo á veciñanza. A distancia percorrida en relación aos antigos itinerarios practicamente é invariable, fóra da liña 5 (A Campiña- Abella), que se amplía ao redor de 1.100 metros, pero en contrapartida, pasaría próxima e daría servizo aos veciños e veciñas da zona de Albeiros. En menor medida tamén sufrirá modificación de itinerario a liña 11E (Calde-A Piringalla-Albeiros) os sábados tarde, domingos e festivos, pasando a realizar o mesmo percorrido que a liña 5.

A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, cuxa peonalización permitiu xa no seu día dinamizar esta zona. Para elo, é precisa a reurbanización total do espazo, dado a disparidade de pavimentos existentes e a distintos niveis, calzada e beirarrúa, con diversas pendentes; para facelo continuo e permitir ademais a correcta evacuación das augas. Así mesmo, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, como o quiosco, xogos e bancos, coa
finalidade de satisfacer as necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, dunha zona de reunión, de esparexemento e de lecer.

A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios; e a praza de aparcadoiro reservado a persoas con  mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com