A Milagrosa volve reivindicar o agro e artesanía coa Feira de San Isidro

A alcaldesa de Lugo, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, acompañados dunha trintena de veciños e veciñas; presentaron este mediodía a 21ª edición da Feira de San Isidro da Milagrosa, que acollerá o corazón deste barrio, a Praza da Milagrosa e as rúas Menorca e Divina Pastora, esta fin de semana, do 25 ao 27 de maio.

No acto de presentación, a rexedora, quen definiu a Feira de San Isidro como unha “cita imprescindible para a sociedade lucense, que se vincula ademais cos produtos autóctonos do campo, que tan importante é para o municpio e para a provincia”, agradeceu o traballo diario, ao longo dos útlimos 20 anos o “capital humano da feira”, á veciñanza da Milagrosa, non só por organizar esta iniciativa, senón por “poñer en valor o que temos” e polo desenvolvemento social e económico da contorna e da cidade.

A alcaldesa desexoulle moito éxito á edición desta feira, que agarda que sexa a última vez que teña lugar na Praza da Milagrosa “tal e como a coñecemos a día de hoxe”, pois espera que a 22 edición desta cita se celebre nunha “zona disposta para os veciños e veciñas, nunha zona peatonalizada, con máis espazo de esparexemento e de lecer para convivir, pois a cidade tamén se fai nas rúas”, subliñou.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación, que pregoará esta feira, subliñou que “dende a Deputación non dubidamos en colaborar un ano máis coa feira, pois trátase dun verdadeiro revulsivo e unha oportunidade para impulsar o comercio dos pequenos e medianos empresarios da provincia. Esta colaboración enmárcase no conxunto de iniciativas que temos en marcha coa Asociación de Veciños da Milagrosa coas que dinamizar económica e socialmente este barrio lugués ao longo do ano​. Ademais do apoio económico, tamén destaca a nosa colaboración coas demostracións en vivo de olaría a través do CENTRAD. Así como con actuacións musicais de grupos folclóricos a través do programa Musiqueando. Quero agradecer aos organizadores que se tiveran acordado de min para ser o pregoeiro desta cita. É unha honra ser partícipe dunha celebración con tanta historia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com