A Xunta aclara aos veciños da Residencia que os proxectos para o barrio están “vixentes e avanzando”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro con representantes veciñais do barrio da Residencia no que reiterou que seguen “plenamente vixentes e avanzando” todos os proxectos que a Xunta ten comprometidos neste espazo.

O delegado lembrou que o obxectivo do Goberno galego é dotar á cidade destes novos servizos, aproveitando os complexos hoxe en desuso do antigo hospital xeral, do materno infantil e da escola de enfermería.

Así a Xunta garante os futuros usos do complexo: o novo centro integral de saúde, a oficina de emprego e formación, a residencia para persoas maiores, un servizo común de climatización por biomasa e o centro de emprendemento aeronáutico, aos que se sumaría a futura comisaría de manterse o compromiso que ao respecto tiña asumido o anterior Goberno central.

Entrando no detalle de cada proxecto, Balserio avanzou que todos eles contan con respaldo orzamentario nas contas da Xunta para o ano 2019.

Polo que respecta ao centro integral de saúde, están á espera de obter a licenza municipal correspondente, solicitada no mes de xullo. O proxecto xa conta co visto e prace do Consello territorial de Patrimonio e o pasado día 17 de outubro o Diario Oficial da Unión Europea publicaba o anuncio de información previa á licitación da obra de construción para a que se reservan 11 millóns de euros.

Tamén ten o si do Consello Territorial de Patrimonio o proxecto de demolición do antigo edificio de hospitalización do xeral, obras para as que se solicitará licenza nos vindeiros días. E os orzamentos da Xunta contemplan unha partida para os proxectos que farán posible dotar dunha residencia para persoas maiores as sete grandes cidade de Galicia, incluída a de Lugo.

Os orzamentos tamén inclúen 500.000 euros para a construción das instalacións comúns de climatización por biomasa, que prestarán servizo aos edificios de todo o complexo. E xa está en trámites para a creación da aceleradora aeronáutica, que se emprazará no Pazo de Feiras e Congresos ata que poida trasladarse ao novo edificio no complexo do barrio da Residencia.

E, finalmente, xa está licitada a obra de construción da nova oficina de emprego e formación, que implicará a remodelación interior do edificio e para a que tamén existe consignación orzamentaria ao obxecto de iniciar as obras o vindeiro ano. Once empresan amosaron o seu interese en facerse con este proxecto, logo da licitación da obra o pasado mes de febreiro. Os orzamentos da Xunta en 2019 consigan un millón de euros para este fin.

Balseiro aproveitou, finalmente, para pedir ao Concello de Lugo unha colaboración real e que deixe de poñer atrancos e escusas para retrasar todos estes proxectos, co obxectivo de iniciar as obras no menor tempo posible

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo