A Xunta apoia ás escolas infantís sarriás sen ánimo de lucro con 83.800 euros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou esta mañá que a Consellería de Política Social apoiou con máis de 83.800 euros as escolas infantís promovidas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (EPI) da nosa provincia, en concreto dúas, ambas emprazadas no municipio de Sarria.

Balseiro explicou que estas axudas deben encadrarse no compromiso da Xunta de Galicia coa calidade na atención educativa nas idades máis temperás e coa vontade de que as familias teñan os mellores recursos de conciliación para os seus nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

No caso destas dúas escolas de Sarria –a escola promovida pola asociación educativa Pumuky e a promovida pola asociación psicopedagóxica Bugs Bunny– ambas dispoñen de dúas unidades con 30 prazas (60 en total) e contan con servizo de comedor.

As achegas da Xunta estiveron centradas en colaborar con distintos gastos de mantemento (persoal, comedor, teléfono) e, no caso concreto, da primeira delas investimentos para mobiliario interior e exterior, material didáctico e de xogos e para dispositivos informáticos e integración das novas tecnoloxías da información nas aulas.

As escolas infantís promovidas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que resultan beneficiarias destas axudas ofrecen importantes vantaxes ás familias usuarias xa que logo teñen a obriga de realizar a selección das solicitudes de prazas de acordo co baremo que emprega a Axencia Galega de Servizos Sociais e a súa tarifa de prezos está suxeita ao réxime de prezos públicos dos centros dependentes da Consellería de Política Social.

Balseiro insistiu en que a atención á infancia e o apoio á familias é unha prioridade para o conxunto do Goberno galego e ten o seu reflexo no desenvolvemento das medidas do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia). Así, a orde de axudas ás EPIS forma parte do PAN Galicia, xunto con outras medidas como os bonos Coidado e Concilia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo