A Xunta dá o visto e prace á peonalización da Milagrosa

O servizo provincial de Patrimonio da Delegación territorial da Xunta en Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de informar favorablemente o proxecto de peonalización da praza da Milagrosa, na cidade de Lugo.

A administración autonómica non observa inconvintes desde o punto de vista da afección aos bens culturais e arquitectónicos da zona respecto desta iniciativa de mobilidade que prevé actuar neste espazo céntrico do emblemático barrio lucense.

O proxecto que conta co visto e prace da Xunta suporá completar a peonalización da totalidade da praza da Milagrosa, para iso se fará peonil o tramo da rúa Milagrosa entre a rúa Doutor Yañez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade ás iniciativas xa desenvolvidas con anterioridade na Praza da Milagrosa e na rúa Divina Pastora.

A nova praza peonil, promovida pola administración local, concíbese como un espazo de reunión, sendo ese o seu uso actual, tanto pola presenza da Igrexa, como a do centro social e comercial da zona.

Desde a administración autonómica aclaran que o informe favorable de patrimonio se circunscribe ao proxecto urbanístico e non entra a valorar a reorganización destes tramos desde o punto de vista do tráfico rodado, que requirirán dun proxecto distinto e independente que é competencia do gabinete municipal de tráfico. O Concello deberá decidir sobre os espazos de circulación actual: a parada de autobús, a praza de aparcamento reservada a persoas con mobilidade reducida, a zona de carga e descarga e parada de taxis, incluído os correspondentes accesos aos garaxes de residentes.

Segundo a memoria técnica a obra autorizada polo servizo autonómico de Patrimonio prevé un orzamento de execución material 220.000 euros (con IVE) aos que hai que sumar o relativo o estudo de seguridade e saúde que ten un presuposto adicional de preto de 2.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo