A Xunta destaca a adaptación da formación aos novos perfís demandados polas empresas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe na cidade lucense unha xuntanza con empresas beneficiarias da primeira convocatoria deste ano das axudas da Xunta para a posta en marcha de Unidades Formativas, unha iniciativa coa que se está a dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías. Á reunión tamén asistiron representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap-Galicia).

Marnotes destacou a importancia deste programa porque ofrece cualificación á carta que elixe e imparte a propia empresa e avanzou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a segunda convocatoria destas axudas por valor de 4 millóns de euros para formar a 2400 traballadores e persoas sen emprego en 245 unidades formativas. O prazo para solicitar as axudas remata o próximo 6 de agosto. Nas unidades para desempregados investiranse 1,8 millóns para formar a 900 parados a través de 60 unidades. Doutra banda, para cualificar a 1500 ocupados destinaranse 2,25 millóns de euros para poñer en marcha 185 cursos.

Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia o 100% da formación. No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida, polo que na segunda edición un mínimo de 360 persoas recibirán un contrato laboral.

A Xunta, ademais, apoia ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

O principal requisito das Unidades Formativas na Empresa para ocupados é que as empresas pertenzan a algún dos sectores considerados estratéxicos na Axenda Industria 4.0. As áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo