A Xunta mellora as instalacións do CPI de Láncara

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contratou os traballos de substitución de parte da carpintería do Centro Público Integrado (CPI) Ramón Piñeiro de Láncara, que afectarán á planta alta do edificio principal e teñen por obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e o confort nas aulas.

Nesta zona procederase a substituír as fiestras por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, para mellorar  o nivel de estanqueidade dos ocos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que tamén están  previstas reformas no valado exterior que, xunto coas recentes melloras nas aulas de infantil, suman un investimento de case 54.500 euros nese centro nos últimos meses.

As obras de carpintería acometeranse durante o verán, para non interferir co normal desenvolvemento das clases. Ao respecto, Balseiro lembrou que a consellería está a aplicar o principio de eficiencia enerxética en todas as súas intervencións, como ocorre neste caso xa que ao mellorar o illamento térmico redúcese o consumo enerxético en climatización.

Os traballos no valado tamén se realizarán proximamente e consistirán no incremento da altura e pintado do muro exterior na zona da entrada principal do recinto escolar. De cara ao presente curso escolar, a consellería cambiou o chan en tres aulas de Educación Infantil, instalando un pavimento cálido, con material vinílico de linóleo sobre o terrazo que había anteriormente.

Balseiro afirmou que estas melloras enmárcanse na programación habitual de obras de mantemento e conservación da consellería, que “permanece atenta ás necesidades dos centros para darlles resposta, procurando que as instalacións estean nas mellores condicións posibles porque a accesibilidade, a seguridade e o confort tamén determinan a calidade do ensino público”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo