A Xunta rexistra no Concello os informes de Patrimonio para o CIS da Residencia

A Xunta presentou hoxe no Concello de Lugo a solicitude de licenza para o derrubo do edificio da antiga Residencia Xeral, acompañado do expediente co proxecto e o informe sectorial favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Igualmente, o Goberno galego remite unha resolución de Patrimonio relativa ao proxecto de construción do centro integral de saúde (CIS) no antigo hospital Materno-Infantil. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confiou en que o Concello de Lugo “sexa dilixente na tramitación de ambos permisos”, e pediu “a mesma vontade que está a demostrar a Xunta de Galicia”, avanzando nestes procesos que concluirán coa construción no barrio da Residencia do primeiro centro integral de saúde de Lugo e dunha nova residencia de maiores.

Neste sentido, Balseiro sinalou que a Xunta publicou o pasado día 17 de outubro o anuncio de información previa á licitación da obra de construción do centro integral de saúde, que conta cun orzamento de preto de 11 millóns de euros e ten un prazo de execución de 24 meses.

Dende o Concello lembran que hai dúas semanas que a Xunta anunciaba que presentaría estes informes. Ademáis o goberno local ratifica a  “total disposición” da entidade local, “como fixo dende o principio”, a colaborar en todo o posible para que poidan saír adiante canto antes as actuacións anunciadas pola Xunta.

Así llelo trasladou a Alcaldesa, Lara Méndez, aos representantes da asociación veciñal da zona na reunión que mantiveron o pasado martes, momento no que aínda non entrara no Concello a citada documentación. Así mesmo, o Executivo advirte que estará “vixiante” para que a Xunta cumpra os seus compromisos coa veciñanza da Residencia, despois da incerteza que xerou a paralización, “pola porta de atrás”, do procedemento administrativo para ampliar os usos dos edificios do complexo, que a día de hoxe seguen sendo sanitarios, co cal, das 6 actuacións que o executivo galego prometeu, na actualidade só se podería construír o centro de saúde integral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com