ACE-EU advirte da perigosidade da falta de sinalización horizontal na Ronda Norte

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida denunciou esta mañá a ausencia de sinalización horizontal na estrada da Ronda Norte, que se atopa sen pintar dende a rotonda de Garabolos ata a rotonda do Hospital Lucus Augusti, despois de que se realizaran hai meses traballos de renovación do firme, conservando só nalgúns tramos restos da pintura de obra.

Trátase dunha vía especialmente sensible, segundo indica o voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe, en canto á seguridade viaria, debido a alta densidade circulatoria por ser a conexión directa a cidade de Lugo co hospital, con frecuente circulación de ambulancias, que ademais está a incrementar o seu volume de tráfico pesado debido á nova actividade no Polígono Industrial das Gándaras.

“Esta demora no pintado é unha auténtica temeridade por parte do Ministerio de Fomento nunha vía na que hai varios tramos con tres carrís e ademais un importante volume de tráfico sanitario as 24 horas do día”, apunta o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe. “O Concello de Lugo debe urxir á administración estatal esta actuación que debería ter sido inmediata por rutinaria. O abandono por parte do Goberno do Estado da Ronda Norte xa pasa o maltrato institucional, despois de anos ignorando as reiteradas peticións da poboación lucense de que se complete o seu necesario desdobramento e a instalación de alumeado público. A actual ausencia de sinalización horizontal sumada ás demais carencias na seguridade desta vía convértena nunha trampa para os seus numerosos usuarios”. ACE- EU rexistrará un rogo ao Pleno desta semana para esixir ao Ministerio de Fomento o inmediato repintado deste trazado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo