ACE-EU denuncia máis de 300.000 euros en contratacións a Sanle, investigada na Pokemon

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) considera preocupante que a empresa Construccións Sanle, investigada xudicialmente na Operación Pokémon por presuntas irregularidades nas adxudicacións recibidas por parte do Concello de Lugo, siga sendo asidua das contratacións directas de
obras do goberno actual, acadando os 18 contratos menores por un importe total de 331.286,66 euros, sendo maioritariamente a unidade tramitadora o departamento de enxeñería. Ademais do dono de Sanle, dous ex concelleiros do PSOE e tres enxeñeiros municipais están investigados por esta causa e foron chamados a declarar o vindeiro mes de marzo.

Os contratos menores non precisan pasar o proceso de licitación pública por tratarse de obras por cantidades que non acadan os 50.000 euros. ACE-EU califica de abusiva a recurrencia do equipo de goberno á contratación directa, que no caso das obras rozan os límites da legalidade, rebasando en ocasións a contía máxima fixada por lei ou con divisións dubidosas en varios contratos de obras que poderían estar unificadas nun só contrato por tratarse de tarefas idénticas realizadas pola mesma empresa para o mesmo período de tempo. Un deses casos foi o da propia empresa Construccións Sanle, coa que o pasado 17 de novembro de 2016 se asinaron dous contratos diferenciados susceptibles de formar un só: un para obras de mantemento en vías urbanas por importe de 49.932,92 euros e outro
para obras de accesibilidade en vías urbanas por 39.138,53 euros.

“É sintomático que no que vai de mandato o goberno contratase de xeito directo máis de mil obras e só realizase 25 contratos de obras a través de concurso público. O fraccionamento de contratos é un xeito claro de reducir as esixencias de fiscalización, publicidade e transparencia, facilitando a selección de empresas afíns”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“É complicado evitar que empresas investigadas xudicialmente participen en adxudicacións públicas, pois todas as que cumpran os requisitos legais mínimos teñen dereito a participar e a ser adxudicatarias se presentan a oferta máis vantaxosa para a administración municipal, pero o Concello de Lugo non ten obriga algunha de invitar a participar en adxudicacións menores a empresas sospeitosas de corrupción. O goberno local está a contratar habitualmente con Construccións Sanle e pagando cartos públicos a unha empresa presuntamente corrupta porque quere”, salienta o concelleiro.

ACE-EU avanza ademáis que rexistrará preguntas para saber por que certos departamentos municipais chaman regularmente a esta empresa para as seleccións dos contratos menores e por que non se puxo en marcha ningún mecanismo para evitar a súa contratación mentres permaneza imputada en causas de corrupción. ACE-EU ve un motivo de alarma no Plan de Barrios contemplado no vindeiro orzamento, cunha partida sen desglosar de 2´5 millóns de euros que non especifica as obras e importes concretos, que porá en bandexa as adxudicacións opacas e discrecionais a través dos contratos menores.

No que respecta a licitacións públicas, Construccións Sanle tamén resultou adxudicataria de varias, por un importe total de 192.403,54€, a última adxudicación asinada o pasado 10 de xaneiro para a pavimentación e servizos en Rúa da Xesta e do Freixo. “Iso significa que un empresario imputado por corrupción precisamente por obter contratos co Concello de Lugo, gañou máis de medio millón de euros por obras municipais no mandato actual, que se suman ao millón de euros gañados a través da empresa que presta sen contrato o servizo de recollida de vehículos, da que tamén está ao frente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com