ACE-EU pide que se modifique a RPT, facilitando municipalizar a xestión tributaria

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida preguntará na vindeira Comisión de Contas polos pasos levados a cabo polo goberno local para cumprir o acordo plenario do pasado febreiro de municipalización integral da xestión tributaria local, acadado a instancias dunha proposición presentada por ACE-EU aprobada cos votos favorables de tódolos grupos excepto os do propio equipo de goberno, que votou en contra. Actualmente, o Concello de Lugo ten privatizado parte deste servizo en virtude dun contrato coa empresa Tribugest S.A. que caducará definitivamente en outubro deste ano.

O pasado 27 de abril de 2017 emitiuse un informe dende a Tesourería municipal que requería a actuación en tres frontes para facer efectiva a xestión directa desta función pública: a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) en aras de crear un departamento de recadación executiva adscrito á Tesourería para contar cos medios persoais necesarios; a contratación dun programa informático de recadación en vía executiva que permita levar a cabo todas as actuacións do procedemento recadatorio; e a ubicación física en dependencias municipais da oficina de atención ao contribuínte.

ACE-EU cre que é o momento de que o goberno avance nestes tres aspectos. “A proposta de RPT está bloqueada por non responder á reorganización dos servizos deficitarios, polo que conta cos informes preceptivos desfavorables. É o momento de modificala para dotar dos servizos que o precisen, como a recadación e inspección, do persoal necesario. Aprobala tal cal está non tería sentido e sólo significaría convertir a parálise institucional na norma que rexe o Concello”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com