Ace-Eu presenta unha proposta para protexer as pavimentacións históricas

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida proporá no vindeiro Pleno a realización de estudos históricos e xeolóxicos das pavimentacións do municipio de Lugo, comenzando polo trazado do Camiño Primitivo ao seu paso polo Barrio do Carme e polo recinto amurallado, coa finalidade de reconstruir e protexer estes bens patrimoniais e realizar unha Guía ou Manual de Pavimentacións do Concello de Lugo que sirva para as intervencións urbanísticas e construccións do futuro en toda a xeografía municipal.

ACE-EU propón comezar por estudar as pavimentacións do Camiño Primitivo por ser o acondicionamento do seu trazado unha das liñas estratéxicas establecidas no Plan Muramiñae a desenvolver con cargo aos fondos europeos da
Estratexia DUSI. “A intervención no tramo do Camiño dende o recinto histórico ata a Ponte Romana debe facerse coa máxima información posible para protexer a súa pavimentación, pois a súa pegada histórica é un valor a conservar e potenciar en si mesma”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“Aínda que non sexa posible reconstruír unha pavimentación completamente histórica pola cuestión da accesibilidade universal, é moi importante recoller tódolos datos posibles para facer ben as adaptacións necesarias, e sempre tendo en conta criterios tan importantes como o paisaxístico e a memoria colectiva”. Por iso a recuperación do Camiño debe poñer atención no tratamento formal dos pavimentos, por ser a pavimentación un importante elemento configurador da paisaxe no espazo público e por tanto da identidade colectiva, e máis cando nos atopamos ante unha vía histórica que é patrimonio da humanidade.

ACE-EU considera que os aspectos estéticos e patrimoniais ademáis de ser determinantes da calidade do espazo público son un dereito de toda a cidadanía e un factor que afecta directamente aos aspectos psicosociais da convivencia municipal e á autoestima colectiva. “Favorecer o espazo público dándolle calidades estéticas e formais facilita o sentimento de pertenza a un lugar. A beleza da cidade é imprescindible alimento do orgullo cívico e este é o responsable último de que moitas cidadás e moitos cidadáns decidan investir e contribuír no seu mantemento. Isto comprobouse por exemplo estes días coa férrea e espontánea defensa da correcta conservación do noso patrimonio por parte da xente anónima ante a actuación da rapaza que se gravou en vídeo escribindo nas pedras da Muralla”, sinalou Portomeñe.

Entendendo que un estudo histórico desde tipo non se debe limitar a unha soa rúa porque se pode omitir información importante e que e o máis útil de cara ao futuro é facelo xa vinculado ao que sucederá noutras partes da cidade histórica, ACE-EU quere estender a investigación a todo o recinto histórico. De tal xeito, identificaríanse os distintos tipos de pavimentacións históricas utilizadas en Lugo: chapaplana, chapacuña, lousas de granito, cantos rodados, adoquíns, etc., vinculados ás distintas partes da cidade histórica: Burgo Vello, Burgo Novo, Ensanche Decimonónico, Ensanche Recente e tamén á Praza do Conde Fontao.

Todos estes estudos previos realizados para a recuperación do Camiño Primitivo, o Barrio do Carme e o Casco Histórico deben aproveitarse para a necesaria elaboración dunha futura Guía ou Manual de pavimentacións para todo o concello de Lugo, coa fin de harmonizar e controlar as construcións das pavimentacións, adaptadas en todo momento aos criterios de accesibilidade universal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com