A actriz lucense Melania Cruz representará en Lugo “Resaca” con ilMaquinario Teatro

O grupo ilMaquinario Teatro do que unha das fundadoras é a actriz lucense Melania Cruz,(Matalobos, Serramoura,Fontealba), desembarcará o vindeiro xoves día 16, no auditorio Gustavo Freire para presentar a súa nova obra Resaca, terceira montaxe da compañía, na que, a tamén lucense, Ana Carreira e coautora da dramaturxía .

Despois dos éxitos de O Home Almofada (2012) e Perplexo (2014), dous espectáculos creados a partir de obras de autores estranxeiros, ilMaquinario Teatro aposta, nesta nova xeira, por unha dramaturxia de creación colectiva próxima ás premisas do teatro documental.

Resaca é o resultado dun traballo documental sobre a memoria familiar e afectiva de todos os membros de ilMaquinario Teatro, a través da súa relación cunha persoa recentemente desaparecida. A reflexión sobre a súa perda activa a necesidade de salvagardar a memoria común fronte á vertixe cotiá que nos empurra cara diante sen ter en conta a importancia do pasado. Quizais non exista mellor momento que agora para falar de alguén a través do que recoñecernos con todos os nosos medos, dúbidas, alegrías e miserias.

Resaca é un espectáculo multidisciplinar no que o teatro conversa coa performance, a poesía, a narración oral e a música en directo para tratar de recompoñer a historia de vida de Álex, unha persoa común que resume e simboliza o sentir dunha xeración que continúa buscando o seu lugar nun mundo en constante transformación e crise.

Resaca xoga cos mecanismos do teatro documental ofrecendo un espectáculo vital no que os intérpretes intentan comprenderse lendo, cantando, rindo, escoitando, bailando e respirando a vida das persoas que nos habitan e que xa non están entre nós. Unha viaxe na que o espectador transitará polos territorios da tenrura, a comicidade, a reflexión e a emoción da man de cinco intérpretes que fan das súas propias vidas materia escénica.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com