Adxudicados os contratos para rehabilitar dous inmobles na Tinería

A Xunta de Galicia vén de adxudicar os contratos de obra para a rehabilitación de dous inmobles emprazados nas rúas Tinería e Recanto do Miño, en Lugo, cun investimento de máis de 354.000 euros.

Unha das obras adxudicadas corresponde ao número 30 da rúa Tinería, no que se obterán dúas vivendas unha vez rehabilitado. Tamén se adxudicaron as obras para a rehabilitación do inmoble emprazado en Recanto do Miño 11-13, no que se obterá unha vivenda, por importe de 154.420 euros e un prazo de execución de doce meses. Cabe salientar que a obra de rehabilitación deste inmoble aínda carece de licencia municipal malia ter sido solicitada en novembro de 2016.

A Xunta ten adxudicada dende novembro de 2017 a obra de rehabilitación do edificio emprazado no número 15 da mesma rúa da Tinería, no que se investirán preto de 700.000 euros. Esta obra aínda non se puido comezar xa que non dispón de licencia municipal, que foi solicitada en xaneiro de 2017. O concello tardou máis dun ano en contestar á solicitude de licenza, indicando que é necesario realizar axustes no proxecto presentado, que están sendo efectuados co obxectivo de obter a licencia no menor tempo posible para poder iniciar a obra.

Ao mesmo tempo, o Goberno galego prevé adxudicar en breve outra obra de rehabilitación no barrio da Tinería, licitada no pasado mes de decembro. Trátase das obras de rehabilitación do inmoble emprazado en Recanto do Miño 17, no que se obterá unha vivendas. As obras foron licitadas por importe de 88.030,45 euros e prazo máximo de execución de doce meses. Tamén está adxudicado o contrato para a actualización do proxecto básico e redacción do proxecto de execución para a construción de 11 vivendas de promoción pública, rochos, locais e urbanización do espazo exterior, no ámbito da UI-8, na Tinería. Está previsto licitar as obras de construción e urbanización antes do remate do ano.

As obras de urbanización da UI-8 darán acceso dende zona pública ao Pazo de Dona Urraca, que actualmente no dispón do mesmo, que será rehabilitado para emprazar no mesmo a oficina de turismo da Xunta de Galicia, que actualmente ocupa outro local no mesmo barrio da Tinería. As obras de rehabilitación na Tinería continuarán coas actuacións que se realicen nos inmobles que a Xunta adquira na cidade despois da oferta pública de adquisición realizada no pasado mes de febreiro e para a que recibiu catro ofertas, emprazadas nas rúas Catedral e Carril dos Fornos, por importe de 110.200 euros. Actualmente a Xunta está comprobando a documentación presentada e posteriormente realizarase unha taxación dos inmobles. Prevese que as escrituras de compravenda dos inmobles que se adquiran se asinen nos meses de setembro ou outubro para de seguido redactar os proxectos de rehabilitación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com