O alcalde de Ribadeo lembra a obriga de manter limpos os montes

A través dun Bando o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, subliña a obrigatoriedade dos propietarios de montes de manter as distancias establecidas por lei entre as plantacións e os núcleos de poboación, para así evitar a propagación dos lumes. O rexedor referiuse aos incendios rexistrados nos últimos días en Galicia, que atribúe aos que plantan lume, pero tamén á nefasta política forestal da Xunta e á errática política de prevención e extinción.

Fernando Suárez dixo: “todos estamos vendo o que está pasando no noso país aínda que afortunadamente non pasou pola nosa comarca nin polo noso concello desta volta, pero iso non quere dicir que mañá mesmo en calquera momento poidamos ter esas desgrazas, que incluso se levaron a vida de persoas”.

O rexedor ribadense manifestou que “seguramente para todo isto hai moitos culpables e moitos responsables, supoño que os primeiros son os que plantan lume, pero tamén hai que falar claro e hai que dicir que hai unha nefasta política forestal por parte das autoridades autonómicas. Hai unha falta de políticas racionais e realistas para o noso envellecido e despoboado rural desde logo, tamén hai unha errática política de prevención e extinción de incendios, e hai unha falla de cortalumes eficaces ou de devasas que poderían ter actuado contra o lume”.

Fernando Suárez sinalou que “máis aló de todo isto estou convencido que non podemos quedar laiándonos e pregándolle a deus que chova. Temos polo tanto que actuar, que isto non volva pasar é unha tarefa de todos, e todos temos que actuar, e no que lle competa aos concellos tamén. Polo que a partires de agora imos aplicar con todo o rigor posible o que se establece nas leis sobre as distancias que se deben manter das plantacións, especialmente dos eucaliptos e dos piñeiros, que é o que máis abunda no noso concello, a respecto dos núcleos de poboación, tanto urbanos como das parroquias así como tamén das vivendas illadas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com