Alfonso Otero Regal, artista invitado no II Amarte de Burela

A Concellería de Cultura  do Concello de Burela vén de anunciar que o artista invitado ao II Certame Internacional de Pintura Mural Amarte será o ceramista viveirense Alfonso Otero Regal. Ata o momento xa se presentaron 10 bocetos a este concurso, que se desenvolverá en Burela no mes de agosto, coincidindo coa celebración da Feira do Bonito. O concelleiro de Cultura, José Díaz, agarda que o maior número de obras se inscriban ao longo das vindeiras semanas.

O edil declarou que “o segundo Certame Internacional de Pintura Mural Amarte 2018 será paralelo unha vez máis á Feira do Bonito, buscando ese dobre obxectivo; por un lado, fomentar esta expresión artística da arte e a pintura no noso muro portuario, vendo aos pintores en directo durante catro días e, en segundo lugar, para darlle máis interese cultural á feira do bonito, que este ano chega á súa 34 edición”. Asemade, o edil burelés asegurou que o Concello continúa a buscar esa denominación de interese turístico nacional, “que nos permitiría a Ledicia e ao concello ter máis fondo para organizar actos paralelos”. Para Díaz, Burela está no momento perfecto para conseguir todos os requisitos que se piden para este título como anunciantes a nivel nacional.

José Díaz contou que “a día de hoxe temos dez bocetos enviados de posibles participantes nesta final a dez, buscando ese primeiro premio de 1.200 euros, un segundo de 600 e un terceiro de 300 euros, ademáis dun premio local para toda a Mariña dotado con 300 euros”.

José Díaz amosouse “seguro” de que durante as semanas que restan para que acabe o prazo de presentación (aberto ata o 15 de xullo), chegarán máis bocetos, pois o ano pasado “había 33 e ata a última semana non nos chegou a totalidade”.

“Este ano tamén apostamos por un artista invitado, con moito nome e, ademáis, mariñan, que será Otero Regal., Premio Nacional de Cerámica, que participará cunha obra nesa disciplina. Tamén lle daremos un toque distinto quizáis para, en edicións futuras, facer algún certame de cerámica. Para nós e un orgullo que sexa el quen acompañe este ano aos participantes”, explicou o edil burelés.

O concelleiro de Cultura en Burela quere “animar a participar enviando un boceto ao enderezo electrónico amarteburela@gmail.com ou buscando tamen en facebook a páxina que informa de todas as bases do certame”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com