Ameijide insta ao Concello a reunir á Comisión Tecnica do Sistema ORA

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, criticou esta mañá os escasos avances realizados polo goberno local no tocante á mobilidade. Ameijide considerou que a realidade do Concello é que “se segue a suspender nesta materia”. O voceiro popular afirmou que pedirán “inmediatamente” a convocatoria da Comisión Técnica para o servizo do Sistema ORA, que leva sen convocarse dende o 4 de xaneiro do ano 2016, para arranxar esta situación da que “son vítimas os comerciantes”.

“A perda de ingresos que están a sufrir os comerciantes do centro é unicamente por mor dos problemas de aparcamento, que alonxan aos cidadáns dos seus comercios. Temos que conseguir que a xente poida aparcar, realizar as súas xestións e que deixe o sitio para outro cidadán que tamén precise achegarse ata o centro para facer calquer trámite”, dixo Ameijide.

O voceiro popular recordou que onte se cumpriron dous anos dende a derradeira e única vez que se convocou a comisión da ORA, creada a iniciativa do Partido Popular, e tamén lamentou que o ano 2017 foi “un ano perdido” para Lugo en materia de mobilidade xa que Lara Méndez non moveu “nin un só dedo” para tentar arranxar os problemas de estacionamento, e todo, a pesar de que, cando o 31 de xullo do ano 2015 suspendeu o sistema ORA, asegurou que en oito meses a cidade contaría de novo cun sistema de rotación de vehículos semellante. Unha situación que se ve agravada en datas como nas actuais, nas que os atascos no centro da cidade e na Ronda da Muralla colapsan o tráfico nas principais
vías da cidade.

Antonio Ameijide lamentou tamén que “a lentitude e a pasividade” seguen a ser as respostas que o goberno de Lara Méndez da aos cidadáns. O voceiro popular non comprende como a alcaldesa e o seu equipo non se “poñen as pilas” para arranxar os problemas máis urxentes que hai na cidade, entre eles o de mobilidade, xa que os cidadáns reclaman insistentemente un sistema de rotación de vehículos.

Neste senso, o popular considera “alarmante” que a rexedora aínda non deu solución para a ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados, nin mellorou o transporte público de Lugo, tampouco se preocupou por dar máis seguridade en ningún dos cruces perigosos da cidade e nin se acordou de poñer en marcha o plan específico de tráfico para o casco histórico. Todas estas medidas, agás a dos aparcamentos soterrados, aprobadas en pleno a iniciativa do Partido Popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com