Antonietta Santoro impartirá en Foz cursos de cociña Italiana

Maria Antonietta Santoro, prestixiosa cociñeira italiana do restaurante Il Becco della Civetta, de Castermezzano en Basilicata (Italia) visitará a Mariña, do 3 ao 10 de marzo, para impartir cursos de cociña típica do seu país no IES de Foz e aproveitará para coñecer a comarca e o tecido empresarial da zona ligado á hostalería.

Os responsables do IES de Foz explican que “esta visita está enmarcada dentro do Programa Erasmus+ KA102, financiado pola Unión Europea e que este ano conta como novidade coa posibilidade de traer a empresarios doutros países da comunidade a impartir formación a centros do noso país. O IES de Foz participa por segundo ano consecutivo nunha mobilidade á rexión de Basilicata, tanto de alumnado como de profesorado, froito da cal xurdiu esta colaboración”.

Maria Antonietta Santoro impartirá formación a alumnos do centro relacionada con elaboración de pasta e doces típicos italianos: Pastiere napolitana ou Mousse de ricotta, entre outros. O martes 6 de marzo o alumnado de 2º de Cociña elaborará unha carta italiana, cun menú proposto pola cociñeira italiana baseado nos seus pratos máis coñecidos, como Purea de fave e cicoria ou o prato que presentou na Expo de Milán: Strascinati Expo, ademais de Agnello con patate al forno. De sobremesa haberá unha Mousse de ricotta, elaborada polos alumnos de 2º de Dirección de Cociña.

O mércores pola tarde os profesionais da hostalería da Mariña poderán elaborar pratos típicos da rexión de Basilicata. E o xoves e o venres realizarase un curso de formación regrada para profesorado de Hostalería de oito horas de duración.
Ademais anuncian que “no tempo libre están previstas visitas a empresas relacionados co sector da hostalería, que nutren ao noso centro de produto, e tamén a lugares como a lonxa de Burela ou o Museo da Faba de Vilanova de Lourenzá. Aproveitará para coñecer a comarca e visitar Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Foz. Unha xornalista de La Repubblica realizará un seguimento de toda a viaxe para o seu medio, contando o aprendido. Toda esta viaxe está subvencionada polo programa Erasmus+”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com