Arranca o curso político coa vista posta nas eleccións de maio

Arrancou setembro, tempo da volta ao cole e á rutina; e tempo tamén da apertura dos cursos políticos dentro dos distintos partidos. Hoxe foi o día no que as Directivas provinciais do Partido Socialista e do Partido Popular, se reuniron en Lugo para plasmar as primeiras accións a desenvolver nesta nova rolda solar. Unha cousa teñen en común as dúas agrupacións, o obxectivo final: saír elexidos nas eleccións municipais que terán lugar en maio do vindeiro ano.  Arranca setembro, arranca a rutina e, pódese dicir, arranca a pre-campaña electoral.

Os socialistas, con Álvaro Santos na secretaría provincial, informaron hoxe que manterán encontros con todos os militantes de cada unha das Comarcas da provincia, iniciando deste xeito o seu curso político. Santos Ramos propón, encontros comarcais que fomenten a participación dos máis de 2.000 militantes, o diálogo e debate entre eles e a posta en común de disferentes perspectivas que axuden ao Partido a “afondar nun proxecto que recolla e englobe as demandas, preocupacións e necesidades”.

En palabras do Secretario Provincial, os socialistas non buscan “actos masivos” senón “actos útiles” cun nexo común: “a transparencia”. Neste senso, a Directiva provincial, propón sete encontros abertos que se extenderán entre o 8 e o 15 de setembro.

Pola súa banda, a presidenta popular, Elena Candia, destacou durante unha reunión da Xunta Directiva esta tarde, que o partido comeza o curso cun obxectivo: “recuperar alcaldías e a Deputación”. Candia asegurou que a agrupación está a xuntar xente nova e a sumar afiliados para que “en maio de 2019 o compromiso coa provincia se traduza nun bo resultado nas furnas”.

Os populares, que xa teñen a folla de ruta marcada, amósanse con “ilusión e ganas” pois aseguran que son un partido que “sabe gañar eleccións” e conta cunha “gran capacidade de xestión cando dirixe as administracións. O exemplo contrario témolo na Deputación, no propio Concello de Lugo e agora no Estado”, referiu Elena Candia.  O que non lles falta aos populares é a “motivación para reverter o escenario político”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com