Arroxo propón a PP e PSOE que “aparquen os atriles” e saquen adiante o ARRU

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, insistiu na necesidade de que o goberno municipal promova unha Area de Rehabilitación e Rexeneración Urbana (ARRU) no barrio da Milagrosa. Arroxo propón a PP e PSOE que “aparquen os atriles” e colaboren para sacar adiante este ARRU e lembrou que “a Alcaldesa e o Delegado da Xunta compiten por anunciar obras no barrio pero non fan nada para iniciar o necesario plan de rehabilitación”.

Arroxo sinalou que no mes de abril do ano 2015, anunciábanse os primeiros pasos para o proxecto dunha Area de Rehabilitación e Rexeneración Urbana (ARRU) no barrio da Milagrosa “pero a día de hoxe non se deron pasos e vemos como o barrio precisa, cada días máis, dunha actuación integral”, afirmou o voceiro do BNG-AA. 

“A rehabilitación de certos barrios e unha nova política de alugueiro social será fundamental para atallar o problema dos tapiados anti-ocupas que van camiño de converter algunhas zonas de Lugo en paisaxes propias dunha película” afirmou Arroxo. No caso da Milagrosa trataríase de facer un proxecto co fin de recuperar e dinamizar a vida do barrio máis poboado de Lugo, no cal se incluían 429 edificios e 1314 vivendas que se atopaban nun importante estado de deterioro, segundo os informes do ano 2015 que evidentemente xa quedaron desfasados. 

BNG leva anos reclamando a necesidade de que, dende o concello, se dean pasos para iniciar un ARRU no barrio da Milagrosa. En abril de 2016 o BNG-AA levou esta cuestión á comisión de Desenvolvemento Sostible e o responsable da comisión anunciou tres posibles ARRUs en A Milagrosa, San Fiz (illas) e A Ponte. “A día de hoxe non se avanzou en ningún dos tres e vemos unha total parálise do goberno neste sentido”, dixo Rubén Arroxo que anunciou que volverá levar este tema á comisión correspondente. 

Segundo explicou Arroxo “o compromiso, naquel momento, por parte do goberno municipal era para poñer en marcha algún destes ARRUs no ano 2016 pero estamos a mediados de 2018 e nada se sabe de ningún dos tres posibles que se anunciaban”. O BNG-AA fai parte da preocupación veciñal pola falta de iniciativa do goberno municipal neste asunto e seguirá promovendo iniciativas para que se acometan plans de rehabilitación naquelas zona da cidade que o precisen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo