Artistas de todo o mundo chegan á Ribeira Sacra no seu festival de música internacional

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ao Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o director de I-radia Crea, Carlos Montilla, presentaron este venres no embarcadoiro de Doade o 17º Ribeira Sacra.

Trátase do primeiro festival internacional de música que ten a Ribeira Sacra que conta co apoio do Goberno da Deputación, sendo este o principal patrocinador deste evento con 20.000 euros dentro da súa aposta polo impulso turístico da zona. Celebrarase os días 28, 29 e 30 de xullo en espazos emblemáticos de Monforte de Lemos e Sober. O municipio monfortino achega 3.000 euros e facilita lugares gratuítos de acampada. Tamén cede os espazos da celebración das actividades, ao igual que o Concello de Sober. No evento, colaboran tamen o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a Xunta.

O 17º Ribeira Sacra combina a música de artistas nacionais e internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola, gastronómica e económica dos establecementos da zona. E é que inclúe concertos no Miradoiro de Santiorxo, no Parador de Monforte, no embarcadoiro de Doade ou nas bodegas, entre outros; así como visitas guiadas, roteiros, catas de viño e degustacións de produtos autóctonos. Facilítanse espazos gratuítos de acampada na cidade do Cabe.

Vidal Baamonde subliñou que “non dubidamos en converter á Deputación na principal patrocinadora deste festival porque apostamos polas grandes e únicas potencialidades naturais, patrimoniais ou gastronómicas da Ribeira Sacra para dinamizar e impulsar o Sur lugués. Con esta iniciativa queremos aproveitar as oportunidades económicas que xa nos ofrece a Ribeira Sacra para xerar riqueza e facer fronte ao despoboamento demográfico. Agardamos que máis de 2.000 persoas participen no festival e descubran as marabillas da zona”.

Pola súa banda, Tomé Roca destacou que “dende o Concello de Monforte facilitamos o uso dun dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade, como é o exterior do Parador de Turismo. Un lugar máxico no que se atopa o conxunto monumental de San Vicente do Pino, formado pola Torre da Homenaxe, o Mosteiro e o pazo dos Condes de Lemos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo