As obras do ascensor de Fontiñas comezarán o vindeiro mes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este luns unha xuntanza con veciños e veciñas do barrio de Fontiñas, aos que detallou a situación de varias obras de mellora da mobilidade na zona, a máis destacada, a instalación do ascensor público e humanización do entorno que o Goberno proxecta para conectar a ronda e a rúa Ramón Montenegro, que comezará o vindeiro mes, unha vez adxudicado o proxecto e asinado o contrato.

O contrato foi adxudicado por 181.000€ á empresa Sergonsa Servicios SL., que terá un prazo de execución de catro meses. O ascensor de Fontiñas salvará o desnivel de 11 metros existente entre esta ronda e a rúa Ramón  Montenegro. O proxecto leva aparelladas ademais distintas actuacións de humanización da zona.

A maiores desta obra, a Alcaldesa, tamén informou á veciñanza de que vén de ser adxudicada por un importe de 27.500€ a mellora da accesibilidade do entorno do centro de saúde de San Roque, outra actuación amplamente demandada pola cidadanía, que o Goberno incluíu no Plan de Barrios, dotado cun investimento total de 2,5M€.

Así mesmo, neste mesmo plan, o Concello tamén acometerá outra obra de mellora da accesibilidade instalando un pasamáns xunto ao edificio número 129 da Ronda das Fontiñas.

Outra actuación relacionada coa mobilidade que beneficiará ao entorno de Fontiñas é o acondicionamento dun aparcadoiro disuasorio na rúa Xosé Novo Freire, que contará con 28 prazas. Trátase dun dos 7 que o Goberno ten planificado para dotar á cidade de 203 novas prazas, cun importe conxunto de adxudicación de 253.000€. As obras comezarán nun mes e deberán estar rematadas nun prazo de cinco meses, isto é, a principios de ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo