As propostas de deseño de Quiroga Ballesteros poderán presentarse ata o día 30

O Concello de Lugo publicou esta mañá no Perfil do Contratante –en www.lugo.gal- as bases do concurso de ideas para o deseño da humanización da rúa Quiroga Ballesteros e que, a proposta dos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros cos que se reuniu a Alcaldesa, Lara Ménez, o pasado venres, recollen a ampliación do prazo de presentación das propostas. Deste xeito, poderán rexistrarse durante 17 días naturais, entre mañá martes e o 30 de novembro, no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Tamén a proposta dos colexios, simplificouse a documentación técnica a presentar e incorpórase un arquitecto técnico ao xurado que valorará as propostas, do que formarán parte a Alcaldesa; o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas; un arquitecto de Patrimonio da Xunta e un proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; un enxeñeiro de camiños, canais e portos proposto polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia; un representante dos comerciantes da rúa Quiroga Ballesteros; un representante das asociacións de Lugo que traballan pola accesibilidade; e un enxeñeiro técnico agrícola, un arquitecto e un enxeñeiro do Concello.

O xurado abrirá a documentación para a valoración das propostas o primeiro día hábil contado a partir do remate do prazo de presentación dos traballos, é dicir, o día 1 de decembro. O equipo que resulte gañador do concurso de ideas será proposto como adxudicatario do contrato de redacción dos proxectos de peonalización de Quiroga Ballesteros, para o cal terá un prazo de 20 días naturais, e de instalación da cuberta, cuxo prazo será de tres meses. O equipo redactor deberá ser multidisciplinar, pois do mesmo deberán formar parte necesariamente un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un enxeñeiro técnico agrícola e un aparellador.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo