Balseiro destaca os beneficios para o sector forestal da redución dos prazos para as cortas de madeira

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Lei de fomento de implantación empresarial introducirá modificacións para reducir os prazos de autorización de cortas de madeira, o que resultará especialmente beneficioso para esta provincia na que sector forestal ten un peso fundamental.

A citada lei busca favorecer a actividade industrial e, polo tanto, o emprego apostando por unha administración galega moderna e que dea respostas áxiles ás iniciativas que queiran saír adiante.

Neste contexto enmárcanse as modificacións que introduce na Lei de montes, relativas á tramitación das autorizacións de cortas de madeira e de aproveitamentos madeireiros, co obxectivo de reducir os tempos de espera dunha autorización de seis a dous meses como máximo.

En concreto, modifícanse dous aspectos da lei de montes. Dunha banda, nos espazos que non estean suxeitos a unha protección especial, apóstase polo concepto de declaración responsable, que vén substituír o que ata o de agora era unha autorización ou unha comunicación previa e que tardaba entre sete e quince días, segundo o caso. Agora, será un trámite practicamente instantáneo a través da súa presentación telemática.

Doutra banda, naquelas zonas que si estean suxeitas a unha especial protección ben pola lexislación de augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural, a partir de agora os particulares ou empresas forestais só terán que contactar co departamento de Medio Rural como único interlocutor para solicitar estes permisos.

Simplificación burocrática

Así, traballarase cunha “xanela única”, unha simplificación burocrática que fará menos complicada a actividade do sector forestal ao tempo que supón un aforro para os particulares e compañías cando queiran realizar aproveitamentos forestais madeireiros ou leñosos.

Cómpre destacar que ningunha destas modificacións suporá unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, xa que se conta co informe do órgano competencial.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com