Burela rexistra un descenso na delincuencia durante o 2017

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, na que se constatou o descenso da delincuencia rexistrada ao longo do ano pasado no municipio, mantendo así a tendencia á baixa que se aprecia dende o ano 2015.

Ademais do subdelegado e do alcalde, na xuntanza participaron tamén representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Os datos oficiais presentados esta mañá revelan un descenso en prácticamente tódalas tipoloxías delictivas, tanto das enmarcadas nos delitos graves como leves. No caso dos delitos graves, e atendendo aos datos oficiais, os membros da xunta de seguridade destacaron a reducción dos delitos contra o patrimonio, que son os que rexistran unha maior incidencia no municipio, e que se sitúan cunha media de tres denuncias ao mes en 2017. Descenden tamén os delitos contra as persoas, os delitos contra a seguridade colectiva (como son os delitos contra a seguridade vial e contra a saúde pública), e especialmente os delitos contra a liberdade (nos que se engloban as ameazas e as coaccións, por exemplo), que se reduciron á metade.

Tanto o alcalde como o subdelegado do Goberno salientaron o elevado índice de efectividade policial. Durante o ano pasado, os axentes da Garda Civil esclareceron preto do 60% dos feitos delictivos rexistrados en Burela. Froito dun intenso traballo de investigación, no que contaron tamén coa colaboración dos demais corpos de seguridade con presenza no municipio, detiveron a 40 persoas e imputaron a outras 45.

O subdelegado do Goberno informou tamén do labor desenvolvido nos centros de ensino de Burela ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar. Este plan pretende reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesorado sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos.

No actual curso académico, representantes das Forzas e Corpos de Seguridade impartiron 11 charlas en centros de ensino do municipio mariñano: 6 sobre os riscos de internet e as novas tecnoloxías, 2 sobre violencia de xénero, outras 2 sobre os perigos do alcohol e as drogas, e 1 sobre o acoso escolar. Están pendentes de realizar outras 9, no CEIP Vista Alegre e o IES Monte Castelo, todas con data xa fixada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com