Campos Conde aborda con Protección Civil os recortes da Xunta e as axudas da Deputación a este servizo

O Presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, mantivo este mediodía, un encontro con representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia, no que abordou o recorte do 50% dos fondos da Xunta de Galicia para este servizo, así como as axudas de 170.000 euros que habilitou a Deputación para facer fronte a ditos recortes. Esta é a segunda xuntanza que man Campos Conde con representantes de Protección Civil que lle trasladaran, no anterior encontro, a situación orixinada por mor dos recortes do Partido Popular na Xunta de Galicia.

Cómpre subliñar que o Goberno Galego recortou nun 50% o financiamento para este servizo. Lugo, con 42 agrupacións locais de Protección Civil constituídas, só recibe da Xunta 46.000 euros, o que supón pouco máis de 1.000 euros de media para cada agrupación, cantidade “insuficiente” para que os profesionais das emerxencias poidan desenvolver o seu labor nas debidas condición de traballo.

Para facer fronte a este problema, o Goberno da Deputación tomou a iniciativa, pioneira en Galicia, de habilitar esta nova liña de axudas do Plan Único que ofrece aos Concellos financiamento para que poidan garantir a eficacia dos servizos de Protección Civil. A Deputación pon á disposición de cada municipio ata 4.000 euros para financiar gastos de Protección Civil, 4 veces máis do que lles concede a Xunta.

Campos Conde apuntou que “dende o Goberno da Deputación, e en resposta ás peticións destes profesionais, decidimos colaborar co Servizo de Protección Civil na provincia, que está presente en 43 municipios lucenses. Son máis de 2.000 voluntarios os que conforman esta rede de emerxencias, que non conta apenas con financiamento do Goberno Galego, obrigando aos municipios a asumir este servizo sen dotalo do orzamento necesario”.

Os representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia agradeceron ao Presidente da Deputación a súa “sensibilidade” coa situación de precariedade na que se atopan estes profesionais e “agradeceron” a axilidade do Titular Provincial por introducir unha liña de financiamento para reverter a situación na que se atopan estes grupos. Deste xeito, apuntaron que xa tiveron contactos coas agrupacións de protección civil das outras provincias, que se interesaron por “esta liña de axudas pioneira” pois abre un camiño na mellora da financiación destes profesionais en todo o país.

“Trátase dun servizo fundamental para a nosa provincia, especialmente para os municipios máis pequenos que non dispoñen, en moitas ocasións, de profesionais de emerxencias como bombeiros ou policías locais. Isto implica que, nas localidades con menor poboación, a meirande parte da responsabilidade sobre emerxencias recae sobre estes voluntarios, prestando un servizo fundamental pois son os que mellor coñecen o territorio. Son, ademais, en moitas ocasións os que fan posible a celebración de festas, feiras, mercados ou eventos deportivos no rural lucense”, apuntou.  

Neste senso, Campos Conde puxo en valor o “compromiso de todos e cada un dos voluntarios que, de xeito totalmente desinteresado, participan na prevención e na atención de emerxencias ao longo da nosa provincia”. O titular provincial lembrou o papel que este servizo desempeñou, por exemplo, durante este mesmo inverno, previndo e actuando durante os temporais de neve e xeo que afectaron a provincia de Lugo.  

2 millóns de euros na provincia

Ante estes últimos acontecementos, saiu ao paso o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que  asegurou que o ente galego leva investidos preto de 2 millóns de euros nos últimos tres anos nos servizos de Protección Civil da provincia.

Balseiro quixo desmentir a existencia de recortes nos apoios a estas agrupacións que, segundo a Deputación, pódense comprobar no Diario Oficial de Galicia. Asemade, o delegado lembrou que a competencia sobre as xestións de emerxencia é puramente local e supramunicipal, e pese a iso, o Goberno galego inviste neles “coñecedor das dificultaded orzamentais de moitos concellos pequeno e da falta de colaboración, ata agora, da Deputación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com