A Caravana pola Sanidade Pública chega a San Cibrao

A Caravana de coches pola Sanidade Pública organizada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña,  continuou hoxe celebrando o seu segundo tramo.
Uns cen coches e duascentas persoas acompañaron esta campaña no tramo occidental da Mariña, no traxecto Xove-San Cibrao, onde persoal sanitario e usuarios da sanidade pública volveron a esixir a retirada do proxecto de lei “que pretende borrarnos do mapa como Área Sanitaria”.
A veciñanza reclamou capacidade de xestión dende a comarca, para deste xeito “ofrecer unha prestación sanitaria de proximidade”. A modificación da Lei de Saúde formulada polo PP, denuncian, o que pretende “é centralizar no gran hospital as intervencións cirúrxicas e as probas diagnósticas”.

Tanto a plataforma como a veciñanza rexeitan “enerxicamente” pertencer a Área Sanitaria de Lugo, xa que iso significa, segundo afirman, centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos da cidadanía da Mariña cara Lugo. “A Mariña precisa ser un área propia con capacidade de decisión tal e como o é a Comarca do Ferrol”, sentenzan.

Veciñas e veciños entenden que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar “nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios,  paralizar a reforma da atención primaria e aumentar aínda máis as derivacións aos hospitais privados de Lugo”.
A caravana occidental rematou no Centro de Saúde de San Cibrao onde dous veciños expuseron os seus casos: a implantación de marcapasos en Lugo, algo que antes se facía no Hospital de Burela, e as longas listas de espera de até un ano para acudir á primeira consulta preferente no centro hospitalario comarcal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo