Case trinta incendios asolan a provincia

Queiman Galicia. Xa case nos podíamos felicitar tras un verán sen moitas incidencias en canto aos lumes que soen asoballar cada ano os montes galegos. Pero chegou o mes de outubro, fóra da norma, acompañado dun decreto de seca para toda a comunidade, e con el, viñeron os que algún xa tildou de terroristas. E non se equivoca.

Incendios provocados asolan a comunidade dende onte. Case trinta focos de lume só na nosa provincia, en Lugo. Algún a carón da capital, outros gañando terreo ás casas e aos veciños nos pequenos núcleos poboacionais. Se víamos a necesidade de que chovera xa fai uns días, hoxe se precisa máis que nunca. Na cidade de Lugo, onte as lapas chegaron ao carón do HULA, tendo incluso que desaloxar algún vehículo estacionado na contorna do hospital lucense.

Neste intre, e segundo indican dende a delegación territorial da Xunta, na provincia hai dous incendios de nivel 2; é dicir, no que poden correr riscos os núcleos de poboación: os dous en Cervantes nas parroquias de Donís e Noceda- Cereixedo.

En PantónMonforte e Friol os lumes xa non se consideran de nivel dous polo que non supoñen un risco para as vivendas e están xa estabilizados. Dende a delegación da Xunta informaron tamén de que, polo momento, só hai constancia de que ardese unha vivenda, no Concello de Cervantes. Ante esta situación, aos medios de extinción da Xunta únenselle tamén medios da UME (da Unidade Militar de Emerxencias) e dous hidroavións do Ministerio de Medio Ambiente. Desprazan dúas sección da  UME aos fogos de Nogueira de Muñíz e Cervantes, cada unha delas conta con 50 integrantes, 3 motobombas e 1 nodriza. O ente autonómico decretou na comunidade tres días de loito, nos que as bandeiras ondearán a media asta.

O Concello de Lugo quixo render unha homenaxe aos xa catro falecidos nestes incendios na comunidade galega cun minuto de silencio diante da casa do Concello no que estiveron membros de todos os partidos políticos da corporación, o xefe do parque de bombeiros de Lugo e o voceiro do goberno provincial, Álvaro Santos Ramos. 

A alcaldesa, Lara Méndez, asegurou que “toca agora traballar para extinguir os incendios” , e anunciou que os lumes do Concello están controlados. Pola súa banda, Santos Ramos subscribiu as verbas da rexedora de Lugo e asegurou que “Galicia non está preparada para afrontar unha catástrofe destas dimensións” e que a Deputación colabora na extinción destes lumes cos medios dos que dispón. Ambos anunciaron que se pedirán explicacións á Xunta, “non toca no día de hoxe, pero as explicacións hai que esixirllas á Xunta que é a que ten a competencia”. 

Outros membros da corporación tamén quixeron dar a súa opinión sobre estas vagas de lumes en toda Galicia, así a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, cualificou como “terroristas”, ás persoas que provocan os lumes e amosou ás súas condolencias ás familias das catro vítimas mortais.

Pola súa banda o voceiro do BNG na provincia, Xosé Ferreiro, tildou de “incomprensible” o feito de que durante toda a fin de semana non se contara cos bombeiros dos parques que dependen do Consorcio Provincial de bombeiros. O deputado do BNG lembrou que a propia Xunta de Galiza ten participación maioritaria no Consorcio Provincial e dende o centro de coordinación de emerxencias non se contou cos efectivos destes parques para loitar contra os incendios que asediaron a provincia de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com