CCOO e UXT convocan concentracións para que se garantan os dereitos das persoas maiores

Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, as organizacións sindicais CC.OO. e UXT convocan esta semana concentracións en todo o Estado. En Galicia terán lugar mañá martes, día 2 de outubro. Con esta acción, ambos os dous sindicatos denuncian que as medidas adoptadas para combater a crise só serviron para empobrecer a amplos sectores da poboación, especialmente as persoas de máis idade. Desde UXT e CC.OO. lembran que o colectivo de persoas maiores é «moi vulnerable» a políticas de recortes, e máis cando progresivamente se converten no principal sostén das seguintes xeracións. Hoxe en día, as pensións supoñen a principal fonte de ingresos da cuarta parte dos fogares.

Malia que a revalorización das pensións vén recollida no artigo 50 da Constitución como un principio reitor da política económica, o certo é que a única fórmula de revalorización automática que garantía por lei o mantemento do poder adquisitivo das pensións foi a nacida do Acordo de Pensións de 1996, ligada daquela á inflación, e que estivo vixente ata a reforma unilateral imposta polo Goberno do PP en 2013.

CC.OO. e UXT defenden o marco de negociación establecido no Pacto de Toledo e esixen que as pensións se revaloricen co IPC.

Para o colectivo de pensionistas e xubilados de CC.OO. e de UXT, a defensa do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD) é outra das prioridades. Transcorridos dez anos desde a posta en marcha da lei de dependencia, aínda non culminou a súa completa implantación. Unha causa fundamental deste atraso radica no aínda insuficiente nivel de financiamento público que arrastra para terminar coa listaxe de espera.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com