Cidadáns inicia reunións con asociacións que traballan no ámbito social en Lugo

O Grupo Municipal de Cidadáns iniciou unha serie de reunións con asociacións que traballan no campo social en Lugo para testar con elas as necesidades existentes neste ámbito na cidade.

A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, acompañada do coordinador de CS Lugo, Juan Vidal-Pardo, e doutros membros da agrupación lucense, mantiveron onte un encontro coa Fundación Juan Soñador, que desenvolve o seu labor na Milagrosa, un dos barrios da cidade con mais problemas de exclusión social.

Olga Louzao agradeceu “o traballo que realizan as asociacións sociais cubrindo necesidades que non son atendidas desde as distintas Administracións públicas”. Por iso, urxiu ao Concello de Lugo “maior celeridade” á hora de conceder e abonar as axudas e subvencións a estas entidades.

“As axudas deben ser concedidas e pagas no principio do ano, non cando este está a piques de acabar, como pasa agora, porque moitos programas sociais que realizan as asociacións dependen destas axudas”, denunciou.

En relación á situación concreta do barrio da Milagrosa, a portavoz de Cidadáns indicou que “a situación de conflitividade e exclusión social que se vive é froito da degradación urbanística do barrio”, polo que urxiu ao Concello para actuar poñendo en marcha iniciativas conxuntas en coordinación coas distintas asociacións de carácter social que traballan na zona. “É necesario atender a pluralidade étnica existente, reactivar a rede de voluntariado e axudas de emerxencia social”, reclamou Olga Louzao, criticando que “este ano as axudas municipais para aluguer foron insuficientes e deixaron a moitas familias tiradas á súa sorte”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com