Cinco novas xornadas de formación gratuítas facilitarán a busca de emprego en Lugo

O Concello de Lugo organizou para o mes de xuño cinco novas xornadas gratuítas de formación e prácticas co fin de facilitar aos desempregados e desempregadas lucenses a busca dun posto de traballo. Esta nova iniciativa, que impulsa a Concellaría de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, dirixida por Ana Prieto, no marco da VI Semana Europea do Emprego, responde ao compromiso do Goberno local coas políticas de inserción laboral e creación de emprego.

Ana Prieto adiantou que aínda non sendo unha competencia municipal, senón do Estado e da Xunta, “sabemos que é un grave problema para miles de lucenses que queren traballar e non poden, polo que, dentro das nosas posibilidades, impulsamos iniciativas que abran novas portas á inserción, ben a través da formación, como é o caso destes obradoiros, ou ben con plans de emprego ou con programas para fomentar o emprendemento como os que temos en marcha a día de hoxe”.

Os obradoiros para a busca de emprego e as datas nas que se impartirán, no horario de 10:00 a 13:00 horas, son os seguintes:

Como realizar un currículo atractivo. Día 12 de xuño.

Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais. Día 13.

Probas para a selección de postos de traballo. Día 14.

A Rede Eures. O portal de busca de emprego de Europa. Día 15.

Como realizar con éxito unha entrevista de traballo. Día 16.

As prazas son limitadas, polo que os interesados deberán anotarse canto antes. O prazo de inscrición está aberto dende mañá e ata o 7 de xuño. Para apuntarse é preciso enviar cuberta unha ficha de solicitude –que se pode descargar na web do Concello (www.lugo.gal)- a espazolab@concellodelugo.org ou ben entregala nas propias instalacións do Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo. Máis información, nos números de teléfono 982.297.361 ou 982.297.473, así como no 010.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com