Comeza o novo curso escolar para os 20.193 alumnos de Educación Infantil, Primaria e Especial

O novo curso escolar do alumnado de Educación Infantil, Primaria e Especial iniciouse con normalidade para os 20.193 nenos e nenas que hoxe se incorporaron ás aulas na provincia de Lugo. Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen avanzou que neste ano hai matriculados 6.392 alumnos en infantil, 13.688 en primaria e 113 en educación especial, unhas cifras na liña das rexistradas no curso anterior. Pola súa banda, o venres, día 15, comezará o curso para os estudantes de secundaria e bacharelato.

En total 121 centros educativos iniciaron a xornada lectiva no día de hoxe, e nos que de xeito complementario á propia actividade escolar tamén comezan a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola administración autonómica.

A principal novidade no ámbito do transporte ten que ver coa posta en marcha da modalidade de uso compartido, implantada en 81 rutas escolares da provincia, que manterán intactas as paradas, os percorridos e verán respectados os horarios do alumnado. O delegado territorial salientou que os 1.190 escolares lucenses que empregaron a modalidade de transporte escolar compartido teñen blindada a atención das súas necesidades de mobilidade e, mesmo, viron mellorado o servizo ao ter acompañante garantido en todas as rutas de transporte. Á súa vez, esta modalidade favorecerá a mobilidade dos veciños do rural.

Melloras na LU-631

Noutra orde, o delegado territorial deu a coñecer tamén esta mañá que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI),
dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, iniciará antes de que finalice este mes de setembro as obras de mellora do firme da estrada LU-631 en Guilfrei, no termo municipal de Becerreá.

Balseiro explicou que a administración autonómica mellorará o actual pavimento mediante a disposición dunha nova capa de rodaxe, de mestura asfáltica en quente en toda a súa lonxitude. Previamente á extensión do novo pavimento levarase a cabo unha reparación do firme existente así como a limpeza de marxes e mellora das cunetas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com