O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou que dende hoxe está aberto o prazo para solicitar a liña de axudas á rehabilitación do casco histórico convocada polo Concello cunha dotación total de 185.700€, o importe remanente da 14ª fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) desenvolvida no ano 2016.
As peticións para concorrer a esta convocatoria, cuxas bases se publicaron onte no Boletín Oficial da Provincia, poderán presentarse durante 20 días hábiles, no Rexistro da empresa pública EVISLUSA, situada nas instalacións do centro de convivencia Uxío Novoneyra, ou ben por calquera dos medios establecidos na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As actuacións subvencionables son a rehabilitación de edificios (cubertas, carpintería exterior, escaleiras, portal e portalóns interiores, rexerías e tratamentos de fachada) e rehabilitación de vivendas (accesibilidade, sanitarios e cociñas, instalacións eléctricas, saneamento, fontanería, calefacción, extracción de fumes e ventilación, illamento térmico e acústico, adecuación ou distribución de espazos interiores, mellora da iluminación e adopción de sistemas dea forro enerxético).
O importe da axuda é do 35% do custe total da obra, cun máximo por vivenda de 11.000€. Piñeiro animou aos veciños e veciñas residentes ou cun edificio no casco histórico a aproveitar esta nova liña de subvencións, “unha oportunidade para darlle un pulo importante a esta zona”.