O Concello aprobará a vindeira semana a licitación do contrato do guindastre

A Xunta de Goberno aprobará a vindeira semana a licitación do contrato do servizo de guindastre municipal. Así o anunciaba onte no Pleno do Concello de Lugo, a alcaldesa Lara Méndez, cando compareceu ante este órgano municipal.

A súa comparecencia fora solicitada polo grupo mixto, ACE-EU, e a rexedora amosábase tranquila e afrontaba a situación “con normalidade”. Méndez anunciou que o Goberno local decidiu iniciar unha nova licitación mentres se leva a cabo o expediente de municipalización do servizo. Asemade, explicou que, “nestes momentos, non é posible que sexa persoal municipal o que se ocupe deste servizo porque non hai persoal suficiente”.

A rexedora explicou que o Goberno local decidiu iniciar unha nova licitación mentres se leva a cabo o expediente de municipalización do servizo, unha decisión motivada pola lexislación, segundo a que “temos que tramitar os pregos en situación de prestación dun servizo sen contrato” e tamén polos informes solicitados aos técnicos municipais, por un lado, o da Xefa de Personal, que acreditou que “ninguén na plantilla municipal pode desempeñar as funcións desenvolvidas polos traballadores da empresa do guindastre, e por outro, o do responsable do contrato, o inspector responsable do Gabinete de Tráfico, que afirmou que debiamos contar si ou si con este servizo con independencia do expediente de municipalización”.

Neste último caso, o informe di literalmente que o guindastre “é un servizo necesario e indispensable para seguir mantendo a disciplina no tráfico rodado e ao mesmo tempo dar solución a calquera continxencia grave que puidese xurdir, é dicir, garantir a circulación polas vías municipais dos vehículos de urxencias, policía, bombeiros, ambulancias, etc.”

Con respecto á posibilidade de que persoal municipal poida prestar o servizo de guindastre, a Alcaldesa desmentiuno subliñando que, no caso do Parque Móbil ten 11 traballadores, os mesmos que a empresa que presta a día de hoxe o servizo, e, no caso da Policía Local, conta con 122 efectivos, dos 176 que lle corresponden por ratio de poboación, co cal resulta imposible que calquera dos dous departamentos poida asumir máis funcións coma a do guindastre.

A prórroga do contrato, vencido en novembro do 2015, non se produciu porque, “a pesar de que a solicitude realizada pola empresa foi respondida de maneira positiva polo responsable do contrato, cando todo estaba listo, algúns técnicos consideraron que era mellor non prorrogar xa que, ademais, había un pronunciamento do Pleno sobre a municipalización”, indicou Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com