O Concello avanza na eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe o proxecto para eliminar o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, co que se abre un período de 30 días naturais de exposición ao público e, unha vez concluído, sacar as obras a contratación. Deste xeito, cúmprense os prazos avanzados pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, co fin de que esta actuación fortemente demandada pola veciñanza que suporá mellorar a accesibilidade e a seguridade dunha das principais arterias de comunicación da cidade con gran afluencia de peóns e vehículos estea rematada entre finais deste ano e principios do que vén.

O proxecto de expropiación afecta a tres parcelas de 15 propietarios, que suman unha superficie total de 172 metros cadrados e unha indemnización pola extinción dun valo publicitario. Do estado deste proxecto, que conta cun orzamento de 102.000 euros, deu conta hoxe a Alcaldesa na xunta de voceiros mensual sobre as modificacións de crédito aprobadas polo Pleno en agosto. Méndez informou así mesmo de que tanto os aparcamentos disuasorios (350.000€), como o parking do HULA (119.000€) e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros (1,1M€) están en proceso de contratación.

En canto á peonalización do entorno da Praza da Milagrosa (220.000€), o Goberno está pendente de recibir o proxecto para tramitar despois a contratación. A rexedora lembrou que a Xunta de Goberno aprobou a semana pasada a adxudicación da redacción dos cinco primeiros proxectos do programa europeo Muramiñae, da Muralla ao Miño (EDUSI): a reforma da Volta da Viña, pasarela peonil ao Anxo Carro, prolongación do paso subterráneo baixao a N-VI, posta en valor do patrimonio histórico e cultural do Carme e descontaminación e rehabilitación de solos contaminados neste barrio, obras que suman un investimento de 2,5M€. A partir de agora, a adxudicataria ten dúas semanas para realizar un estudo de viabilidade técnica e económica dos distintos proxectos.

Así mesmo, a instalación da rede de biomasa nas instalacións de Frigsa está en marcha e a reforma do soto da praza de abastos está rematada.

Regulación de taxas

Por outra banda, o BOP tamén publica este luns o paquete de vantaxes fiscais que o Goberno de Lara Méndez sacou adiante no último Pleno ordinario, encamiñadas a dinamizar o medio rural e contribuír á igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas máis desfavorecidos. As modificacións das ordenanzas consisten na bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario, medida que se suma á reducción dun 50%, xa en vigor, do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para os solicitantes de licenzas para este tipo de explotacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com