O Concello coordina cos servizos municipais a loxística de cara o San Froilán 2017

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, mantiveron este xoves unha reunión técnica de traballo coa finalidade de coordinar cos distintos servizos municipais a loxística para que o desenvolvemento de todos os eventos e actividades programadas na cidade ao longo do San Froilán 2017 sexan un éxito. A esta xuntanza, celebrada no Salón de Comisión da Casa Consistorial, asistiu persoal das áreas de Medio Ambiente, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros.

Deste xeito, os preparativos das festas patronais de Lugo avanzan para ter todo listo o día 4 de outubro, cando arrinca a programación, que se desenvolverá ata o 12 dese mesmo mes. Xa dende o 30 de setembro estarán abertas as casetas do polbo.

O operativo de seguridade do San Froilán abordarase, como todos os anos anteriores, nunha Xunta Local de Seguridade que terá lugar a vindeira semana, co obxectivo de que as distintas forzas e corpos de seguridade coordinen efectivos e dispositivos para garantir o normal desenvolvemento deste festexo multitudinario. 

Actividades para todo o ano

Noutro eido, o Concello de Lugo lanza a nova programación de animación sociocultural, con máis de 2.200 prazas en preto de 130 obradoiros. Así o anunciou, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen avanzou as distintas actividades que terán lugar dende o 31 de outubro ao 31 de maio.

As persoas interesadas poden inscribirse entre o luns e venres da vindeira semana, no centro de convivencia que desexen practicar as actividades propostas. O 40% das prazas resérvanse para persoas con diversidade funcional.

“É vontade deste Goberno seguir priorizando o benestar social e que todos os veciños poidan gozar das mesmas actividades e aproveitar as mesmas oportunidades”, destacou a edil, quen subliñou que “;o noso modelo de cidade xira ao redor de poñer á persoa como protagonista de acalquera acción municipal, porque atender á persoa é atender a todos os aspectos da vida da veciñanza”.

Con esta finalidade o Goberno propón un amplo abano de actividades lúdicas, socioeducativas e físicas, coas que tamén avanzar cara unha sociedade inclusiva. Entre estes talleres, os veciños e veciñas poderán aprender defensa persoal, practicar pilates, bioximnasia, bailes de salón ou cachibol, así como ter a oportunidade de aprender a manexar as novas tecnoloxías ou familiarizarse coas técnicas de pintura ao óleo, cestería ou tear, entre outros.

Destaca tamén o foro feminista, creado este ano para achegarse á historia da teoría feminista en xeral, identificando as sáus potencialidades para a transformación social. A programación de animación sociocultural ademais de ditos obradoiros, inclúe tamén cursos de castelán para persoas estranxeiras e aulas abertas. Os telecentros e as escolas rurais terán tamén o seu programa de actividades.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com