O Concello de Lugo aumenta máis de 52.000 euros as subvencións de servizos sociais

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou este mércores a modificación e actualización do Plan Estratéxico de Subvencións correspondente a este 2017, no que se incorpora un incremento de máis de 52.000 euros nas axudas nominativas para asociacións do ámbito dos servizos sociais, tal e como explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Deste xeito, o plan de subvencións municipal incorpora como novidades unha partida de 43.457 euros para o desenvolvemento dun proxecto conxunto entre a Cruz Vermella e a asociación de axuda a persoas con enfermidade mental Alume destinado a reforzar a atención na rúa e chegar a máis persoas sen fogar ofrecéndolles recursos para afrontar a súa situación de vulnerabilidade; 4.000 euros para os dous novos taxis adaptados cos que conta o municipio, e co que a día de hoxe Lugo é a cidade de Galicia con máis vehículos deste tipo ao contar cun total de 5; e 5.260 euros para o mantemento dun piso de acollida para mulleres vítimas de trata que xestiona Aliad Ultreia no marco do programa Donas.

Este incremento responde ao compromiso do Goberno coas políticas sociais co fin de “manter unha rede forte de protección social e que ninguén se quede atrás”, subliñou Fernández. O orzamento do Plan Estratéxico de Subvencións 2017 é de 4,4 millóns de euros, dos cales 1,1 corresponden a axudas nominativas, montante que, por áreas, se distribúe na súa maioría a área de Deportes cun total de 631.500 euros, seguido de Servizo Sociais onde corresponden 253.957 euros e seguido Cultura con 112.000. Moi ao lonxe quedan as partidas destinadas a Sanidade (60.000 euros), Participación Cidadá (33.000), Muller (32.360 euros) e, por último, a área de Educación, que recibirá a cantidade de 30.000 euros.

Colexio do Sagrado Corazón
A Xunta de Goberno ratificou asemade o texto definitivo do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Educación para a construción dun novo Centro de Educación Infantil e Primaria no barrio do Sagrado Corazón, tras expoñerse ao público sen que se presentase ningunha alegación. A través deste acordo, o Sagrado Corazón contará cun novo colexio. Para elo, o Concello puxo a disposición da Xunta 10.046 metros cadrados de terreo para levantar o
centro educativo, unhas parcelas cedidas a través de acordos urbanísticos (8.777 metros cadrados) e de expropiacións acordadas (1.269 metros).

Por outra banda, na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou tres proxectos de particulares para a mellora da accesibilidade na rúa Aviación Española, Ronda das Mercedes e rúa Lopo Lías, cun orzamento total de 21.800€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo