O concello de Ribadeo apoia as manifestacións contra a Lei da Saúde

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez,  participou esta mañá xunto a outros membros do equipo de goberno na concentración celebrada ás portas do centro de saúde e convocada polo colectivo sanitario para amosar o rexeitamento dos ribadenses á supresión da Área Sanitaria da Mariña. O rexedor subliñou que “queremos deixar de ser a periferia da periferia”.

Suárez Barcia declarou que  “estamos nesta concentración que convoca o colectivo sanitario para protestar contra a supresión da Área Sanitaria da Mariña, sendo uns máis, como cidadáns, pero tamén como representantes institucionais lexítimos do pobo de Ribadeo, que queremos dicirlle á Xunta que así non se fan as cousas e que non queremos que a Área Sanitaria da Mariña desapareza, que non queremos que o Hospital da Costa pase a ser un gran ambulatorio”.

Para o alcalde, as actuais obras de ampliación son só un aumento de espazo pero non de servizo. “Somos unha comarca de máis de 80.000 habitantes que ten moitos problemas, pero non queremos que o da sanidade sexa un dos máis graves que agora mesmo poidamos ter”. Suárez Barcia asegurou que non queren volver a hai 30 anos cando “para calquera cousa importante tiñamos que acabar indo a Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo