Áreas de goberno e responsables do novo goberno na Deputación

Na rolda de prensa celebrada esta maña na Deputación Provincial, o Presidente da Deputación, Darío Campos e o Vicepresidente, Antonio Veiga, deron conta das áreas nas que se dividirá a xestión desta nova xeira no goberno provincial.

A reorganización das áreas da Deputación de Lugo quedan do seguinte xeito:

-Área de Promoción Económica e Social. Será dirixido polo socialista Álvaro Santos Ramos (tamén voceiro dos PSOE na Xunta de Goberno), e contará cos delegados Pablo Rivera Capón e María Loureiro. Dende este departamento, levaranse a cabo políticas en impulso do emprego e do benestar social, que combatan o despoboamento demográfico que sofre a provincia.

-Área de Xestión Territorial. Inclúe Vías e Obras e o Parque Móbil. O socialista Argelio Fernández será o encargado de levala a cabo, o departamento Vías e Obras e o Parque Móbil, sendo a primeira vez que se coordinan en conxunto e facendo que esta área sexa unha das de maior orzamento e persoal da Deputación.

-Área de Goberno Interior. Repite ao fronte deste departamento Miguel Ángel Sotuela. “Faino porque no último mandato fixo un excelente traballo, conseguindo en todas as ocasións acordos maioritarios cos representantes sindicais do organismo provincial”.

-Área de Economía. A responsable será a socialista Pilar García Porto.  “Coñece perfectamente este departamento que dirixiu nos últimos 4 anos, conseguindo moi bos resultados e desenvolvendo grandes proxectos. Por exemplo, os Primeiros Orzamentos Participativos dunha Deputación en España e que tivo a de Lugo no 2015; situar a débeda financeira da institución nos cero euros ou converter á de Lugo na Deputación galega que máis rápido paga as súas facturas. Dende este departamento, faremos que a de Lugo volte a ser a Deputación galega que máis rápido paga”, adiantou Campos.

-Área de Medio Rural, do Mar e Mediambiente. Dirixida por Lino Rodríguez , “unha persoa que durante máis de 30 anos traballou no sector primario, coñecendo polo tanto de primeira man as necesidades deste sector. Tendo en conta a magnitude deste departamento, que se encargará das políticas en impulso dun dos piares da nosa economía, como o é o sector da gandería, agricultura e da pesca”, explicou o Presidente, esta área tamén conta cunha delegación específica. A delegada será a tamén socialista Sonsoles López Izquierdo.

-Área de Promoción Territorial e Turismo. Dirixe o socialista Eduardo Vidal, un sector básico e que merece unha especial atención pois as potencialidades turísticas da nosa provincia están sen explotar sendo un nicho moi importante dende o punto de vista económico e de creaciñon de emprego. Vidal, ” encargarase dun importante traballo, pois queremos poñer en marcha un pionerio plan de promoción turística que englobe a toda a provincia para dar a coñecer as potencialidades dos 67 Concellos”, engadiu o Presidente.

-Área de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística. Dirixida polo voceiro da Xunta de Goberno, o nacionalista Xosé Ferreiro,  no que se inclúen o CENTRAD e a rede museística.

-Área de Deportes e Cooperación cos Concellos. Será dirixida polo Vicepresidente, o nacionalista Antonio Veiga.  O voceiro do BNG destacou que “traballaremos para que esta sexa unha Deputación ao servizo dos Concellos. Normalización Lingüística ten que ser unha área central e transversal”, apuntou Veiga.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com