Continúa o cruce de acusacións entre o PSOE e o PP na Deputación

Os grupos socialista e popular na Deputación de Lugo seguen, sen alentar, día tras día mergullados nun cruzamento de acusacións e retrousos que xamais se dera no mes de agosto, un mes case de nula actividade política, dende este novo período democrático.

Hoxe mesmo o Grupo Provincial Socialista esixe a Candia que nomee e deixe tomar posesión a 5 funcionarios de carreira que aprobaron as oposicións para varios postos na Deputación, probas que se celebraron e aprobaron sendo xa Candia Presidenta do organismo provincial. Trátanse dun arquitecto, un enxeñeiro de camiños, un técnico de administración xeral, un técnico superior en ciencias económicas e empresarias, e un técnico superior en informática. Os socialistas alertan a Candia que non pode bloquear intencionadamente o acceso destes profesionais aos seus empregos. De feito, o PSOE sabe que xa se están a estudar accións xudiciais contra Candia por non nomear e impedir a toma de posesión destes profesionais, tal e como xa fixo cos 12 axentes de dinamización empresarial do Ben Empregado II.

O Deputado Provincial do PSOE, Álvaro Santos Ramos, reclama a Candia que nomee e dea posesión a estes 5 funcionarios de carreira, Santos Ramos remarcoulle á Presidenta popular que “faga isto dunha vez por todas e deixe de desmantelar os servizos provinciais e acantoar aos traballadores públicos para colocar aos seus amigos, de poñer pechaduras nos departamentos da Deputación, de desconfiar no persoal da administración que leva décadas amosando a súa profesionalidade e de destruír emprego”. O socialista subliñou que “non permitir, por puro capricho, que estes 5 traballadores accedan aos seus postos de traballo é un exemplo máis da súa obsesión por destruír emprego na provincia”.

O retrouso do PP no Goberno Provincial non se fixo agardar e nun comunicado emitido polo voceiro da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, amosaba a súa sorpresa ante as declaracións dos socialistas que “unha vez máis son froito da mentira” e detrás das que “claramente esconden unha soa intención, a de que se aprobe unha RPT deseñada polo PSOE para garantir a subida salarial dos seus amigos políticos, o que vai en detrimento do 80% dos traballadores da institución”.

“Mesmo dende a oposición seguen preocupados por blindar aos seus axentes electorais, para os que tiñan estipuladas subidas salariais, superiores ao importe do Salario Mínimo Interprofesional. Recibirían só en subidas uns 900 euros, máis do que cobra un traballador que percibe o Salario Mínimo Interprofesional ”, lembra Armesto. “Esta medida que deixaron os socialistas e que os populares nunca aprobaremos, favorece a uns poucos que gañan preto de 5.000 euros deixando na cuneta á gran maioría do persoal da institución”, asegura o popular.

O voceiro dos populares dixo que “as subidas salariais deben motivarse na obxectividade, sen darse discriminacións, atendendo a criterios do posto e non por razóns de pago de favores políticos”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com