Cs acusa á alcaldesa de “manter en situación precaria” a 10 comerciantes do Mercado

 O grupo municipal de Cidadáns no Concello de Lugo revelou esta mañá que 10 dos 84 postos de venda existentes na Praza de Abastos e no Mercado de Quiroga Ballesteros están baleiros e que outros 10 atópanse en situación “precaria”. A voceira desta agrupación, Olga Louzao, explicou que “o Concello de Lugo fixo durante os anos 2012 e 2013 unha serie de adxudicacións de postos con carácter temporal, amparándose no artigo 33 da Ordenanza municipal reguladora de Prazas e Mercados por un periodo de dous anos máis outros dous de prórroga” e indicou que “sete desas adxudicacións xa caducaron e as tres restantes finalizan o seu periodo de vixencia o vindeiro luns sen que o Goberno municipal solventara a situación irregular e de interinidade absoluta destes comerciantes, que fixeron investimentos e apostaron pola revitalización da Praza”.

Olga Louzao lembrou que “no último pleno do anterior mandato, celebrado o 4 de maio de 2015, 20 días antes das eleccións, o daquela concelleiro de Mercados, Manuel Núñez, anunciaba para convencer aos praceiros de votar ao PSOE que se faría un concurso público onde se valorarían os anos de experiencia na Praza e os investimentos realizados para proceder a unha adxudicación definitiva dos postos por un periodo de 25 anos” pero “nada disto se fixo e os praceiros atópanse neste momento en situación absolutamente irregular”.

O grupo municipal de Cidadáns presentará unha proposición ao vindeiro Pleno para “que se resolva a situación de interinidade dos praceiros”, porque “a inseguridade xurídica na que se atopan non fomenta que realicen investimentos na mellora e dinamización dos sus postos”.

Do mesmo xeito, Olga Louzao pide que se saquen tamén a concurso público outros 10 postos que están baleiros neste momento, seis na Praza e 4 no Mercado, “para que estas dúas instalacións municipais funcionen a pleno rendemento”, algo que será positivo para a dinamización comercial deste espazo porque o “aumento da oferta favorece o incremento de clientes”.

Ademais, explicou que “o Concello de Lugo ingresa 15.000 euros ao mes, é dicir, 180.000 euros ao ano, polas taxas que pagan os 74 praceiros instalados actualmente, que aboan unha media de 200 euros ao mes polo seu posto”, mentres que “o Concello só inviste 35.000 euros ao ano nestas instalacións municipais e ten pechada a páxina aberta no seu día para a venda on line de produtos da Praza”, denunciou.

Por iso, a voceira de Ciudadanos acusou á alcaldesa de “abandonar á súa sorte aos comerciantes da Praza de Abastos e o Mercado Municipal” e dixo que “se se deixa morrer a Praza de pouco vai servir cubrir a rúa na que está“, polo que lle pediu a Lara Méndez “que antes de seguir adiante co proxecto pantasma da cuberta de Quiroga Ballesteros, que de momento non existe máis que na imaxinación da alcaldesa porque non existe proxecto nin está orzamentado, remate as obras da Praza de Abastos e revitalice este espazo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com