Cs preguntará en Pleno pola cesión de terreos municipais ao CD Lugo

O grupo municipal de Cidadáns anunciou esta mañá que ven de rexistrar unha serie de preguntas ao Goberno municipal para que a alcaldesa, Lara Méndez, aclare no vindeiro Pleno “en que situación se atopa o acordo para a cesión de terreos municipais en San Fiz ao CD Lugo para a construción de varios campos de fútbol e diversas instalacións”.

A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, lembrou que a alcaldesa anunciou hai xa 15 días que antes de que acabara este mes estaría asinado o convenio de cesión co club para que as novas instalacións puideran estar en funcionamento para o comezo da vindeira tempada no mes de setembro. Cidadáns pregunta se se seguen mantendo estas previsións tendo en conta que o procedemento de cesión non foi iniciado aínda no Concello e que “existen serias dúbidas de que desde o punto de vista legal se poida facer unha adxudicación directa de terreos públicos a unha sociedade anónima como é o CD Lugo”.

Olga Louzao reclama “máxima transparencia” neste asunto “por tratarse duns terreos que son de todos os veciños e veciñas de Lugo” e afirma que “os afeccionados do Lugo non merecen ser enganados”. Cidadáns considera “positivo que unha Sociedade Anónima Deportiva como é o CD Lugo se implique na construción de novas instalacións deportivas na cidade” pero aclarou que “as cousas deben facerse ben e seguindo todos os cauces legais establecidos porque, do contrario, estaríase creando unha grave inseguidade xurídica para o CD Lugo, que ten previsto ademais facer un importante investimento”. Olga Louzao aprecia “improvisación” por parte do Goberno municipal e pide á alcaldesa “que non use o que é unha necesidade evidente do Club Deportivo Lugo, que carece de instalacións axeitadas, como ferramenta electoral”

Do mesmo xeito, Cidadáns quere que a alcaldesa responda no Pleno “cales van ser as condicións de cesión destes terreos” e “se as novas instalacións van ser de uso exclusivo do CD Lugo ou van poder ser usadas polos demais equipos e clubs que hai na cidade”. Para Olga Louzao, o acordo para a construción de varios campos de fútbol en San Fiz “debe beneficiar tamén ao resto de clubs deportivos da cidade e ao conxunto do fútbol base lucense” porque para Ciudadanos, dixo, “todos os clubs deportivos da cidade son iguais e todos os cativos que practican deporte deben facelo en instalacións axeitadas e nisto non debe haber privilexios”.

Finalmente, a voceira de Cidadáns lembrou que o seu grupo presentou no pasado mes de novembro unha proposta para a construción dun campo de fútbol de titularidade 100% municipal en San Fiz para que se puideran trasladar a xogar nel os equipos que na actualidade usan o campo de fútbol do Polvorín. Esta opción permitiría, segundo defendeu Olga Louzao, reformar o actual campo do Polvorín, de maneira que unha parte quedaría como campo de fútbol 8 e o resto converteríase en canchas deportivas multideporte e en zona infantil e de xogo, que poderían ser usadas polo colexio das Mercedes, que está a ser ampliado pero que carece de patio, durante o horario lectivo e polo conxunto da cidadanía lucense fóra deste horario, tanto pola semana como as fins de semana. Ciudadanos pregúntalle á alcaldesa Lara Méndez por que non contempla esta posibilidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com