Decretada alerta laranxa por ventos na Mariña e, amarela por neve, na Montaña

O temporal que está a asolar dende esta mesma mañá a provincia de Lugo, deixa ver xa os seus primeiros efectos. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior decretou hoxe alerta de nivel laranxa desde as 10.00 horas en todo o litoral galego por vento e ondas. Polo que todas as actividades educativas no exterior dos centros da Mariña foron suspendidas. Asemade nalgunhas zonas da costa lucense chegaron a caer grandes granizadas que provocaron, en ocasións, cortes de luz. A Xunta avisou de que se esperan ventos de forza oito ou nove, que chegarán aos 100 km/h e ondas de entre cinco e sete metros.

E na mesma cara deste temporal se atopa a Montaña lucense, as nevaradas chegaron xa a moitos dos concellos da provincia pasando durante o día de hoxe dunha cota de neve por enriba dos 1.200 metros a primeiras horas, ata os 800 nos que se atopa nestes intres. A alerta amarela, xa quedou decretada nos concellos máis afectados, como poden ser Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, O Incio, Baleira, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz.

Aínda que, polo momento, non se rexistrou ningún incidente maior, a Deputación ten preparados dende esta mañá 78 efectivos e 38 máquinas repartidas entre estas dúas zonas da provincia. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez Núñez, avanzou esta mañá que o Goberno Provincial mobilizou este dispositivo especial debido ás posibles
inclemencias meteorolóxicas que se prevén para hoxe.

Na Montaña, hai 60 operarios e 32 máquinas. Espéranse acumulacións de neve e xeo nas estradas e recomendan circular con precaución polas vías destes concellos e reducir ao mínimo os desprazamentos.

Na Mariña, hai 18 operarios e 6 máquinas pois a auga e o vento poderían ocasionar caídas de árbores ou desprendementos. Asemade, a Deputación ofrece asistencia viaria municipal a todos os Concellos da provincia que o soliciten, de xeito totalmente gratuíto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com