A Deputación achega 126.000 euros para a promoción do deporte en Sarria

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, mantiveron este sábado un encontro con membros da Sociedade Deportiva Sarriana, o Club de Baloncesto Sarria, e o Club DHG Team, cos que colaboran o Goberno da Deputación e do Concello de Sarria. O Deputado e a Alcaldesa aproveitaron para coñecer de primeira man as necesidades dos clubs sarrianos e informar dos investimentos do organismo provincial en materia de deportes neste municipio.

Neste senso, o Deputado avanzou que “achegamos máis de 126.000 euros para a promoción do deporte entre os veciños de Sarria”. Do total, 100.000 euros son para a renovación do parqué e melloras na iluminación do pavillón do Chanto, 19.000 euros para sufragar os gastos da tempada de 12 clubs; 4.700 euros para a organización de 6  eventos; e 2.300 para deportistas individuais.

Rivera Capón avanzou que “aprobamos un investimento de 100.000 euros para obras de mellora no pavillón deportivo do Chanto. Así, levarase a cabo a renovación do parqué e mellora da iluminación. Hai que ter en conta que se trata dunha infraestrutura moi empregada polos veciños de Sarria, pois trátase do pavillón que empregan a diario os equipos de fútbol sala e ximnasia rítmica do Concello. O proxecto atópase en fase de licitación e as obras comezarán, previsiblemente, nos vindeiros meses”.

O Deputado de Deportes engadiu que “colaboramos cos diferentes clubs de fútbol, baloncesto, ciclismo, fútbol sala ou ximnasia rítmica do municipio; fixemos posible a celebración de seis eventos deportivos ao longo do pasado ano; e achegamos becas para os deportistas individuais da zona”.

Pola súa parte, López Yáñez agradeceu “o compromiso do Goberno da Deputación co deporte sarriano, pois as achegas permiten que os rapaces e rapazas da vila poidan competir non só na provincia de Lugo, senón tamén no conxunto de Galicia; ao mesmo tempo que levan un estilo de vida saudable e comparten valores como o compañeirismo, a superación persoal ou a cultura do esforzo, ligados á práctica deportiva e que son tan importantes no día a día”.

O Goberno da Deputación achega 19.000 euros para axudar a sufragar os gastos derivados da actividade competitiva de 12 clubs sarrianos. O Executivo Provincial fixo posible a organización de 6 eventos deportivos na vila de Sarria cunha achega de máis de 4.700 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo