A Deputación acondiciona o casco histórico de Monforte

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, supervisaron o estado das obras de mellora e acondicionamento da Rúa do Conde e a Rúa da Estrela, dúas vías que conectan e articulan o casco histórico da cidade. O Goberno da Deputación puxo en marcha estes traballos cunha achega de preto de 200.000 euros. En concreto, para as obras da Rúa do Conde o organismo provincial achega 131.000 euros, mentres que o Concello aporta 43.000 euros; e para a Rúa da Estrela o investimento da Deputación é de 65.000 euros, e o do Concello de 21.000.

Campos Conde explicou que “con estas obras respondemos a unha demanda dos veciños de Monforte, especialmente dos residentes nestas dúas rúas, que teñen un gran peso no conxunto da cidade, pois trátase de vías céntricas que forman parte do casco urbano da vila e cun elevado volume de tránsito tanto peonil como rodado. No caso da Rúa Conde, as obras comezaron o pasado mes de xaneiro, coas tarefas de levantamento do pavimento e neste momento atópanse en plena execución. Os traballos consistirán na eliminación de barreiras arquitectónicas, e a renovación do pavimento. Mentres que na Rúa da Estrela, tamén se está a traballar para a eliminación de barreiras arquitectónicas, así como a reordenación e renovación do pavimento”.

Coas obras da Rúa do Conde mellorarase a accesibilidade ás vivendas e regularizarase as condicións do tráfico, atendendo a unha demanda dos residentes, posto que debido á estreiteza da rúa, vén limitado o acceso ás súas vivendas polo estacionamento irregular de vehículos. Ademais, o pavimento actual é unha capa de formigón moi antiga, mesmo foi remendada por treitos, trala apertura de zanxas para introducir as redes de servizos. Esta situación xera embalsamentos de auga, que provocan incomodidades ós veciños e que con estes traballos se verán mitigadas. Por outra parte, vaise rebaixar lixeiramente a calzada para o tráfico rodado naquelas zonas nas que, polas condicións de amplitude da vía, deba coexistir o tráfico de vehículos e de peóns.

En canto á Rúa da Estrela, cómpre subliñar que se trata dunha vía fundamental, pois comunica unha das arterias principais da cidade, como é Roberto Baamonde, con outra das principais vías de entrada e saída de Monforte, como é Benito Vicetto. Os traballos consistirán na renovación integral da vía, que inclúe as beirarrúas e a calzada. Tanto as beirarrúas como o pavimento son antigos e atópanse bastante deteriorados. Na actualidade conta con bordillos de pedra moi irregulares e desnivelados e nalgúns puntos, incluso rotos. Con estas obras procederase á colocación dun novo bordillo mantendo e regularizando a alineación existente.

Feito isto colocaranse as novas baldosas cun novo tipo de plaquetas, similar ó que xa existe noutras rúas, para manter unha certa uniformidade da imaxe da cidade do Cabe. Un aspecto fundamental que se quere abordar con este proxecto é a eliminación de barreiras arquitectónicas existentes para favorecer ás persoas con mobilidade reducida, facilitando a súa accesibilidade. Posteriormente, para mellorar as condicións do tránsito nesta vía, dotarase á
calzada dunha capa de aglomerado en quente, adheríndoa á capa de formigón existente cun rego ligante.

Deste xeito, eliminaranse as deformacións que existían, quedando un novo firme regularizado. Por outra banda, sinalizarase unha zona de carga e descarga na praza onde se bifurca a Rúa da Estrela con Doutor Fleming. Así mesmo, vaise a construír un badén con paso de cebra, para facilitar o paso de persoas. A sinalización horizontal será de dous carrís de tres metros e manterase o estacionamento na marxe dereita subindo e na praza en batería. As beirarrúas tamén levarán árbores ornamentais e para sombra en ambas beiras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com